A Laracha | Aberta ao tráfico a nova vía que prolonga a Avenida Manuel Fraga ata López Astray

1 minutes read
  • O investimento alcanzou os 245.000 euros

Este xoves o Concello da Laracha abriu á circulación a nova vía que prolonga a Avenida Manuel Fraga pola parte posterior do IES Agra de Leborís, comunicándoa directamente coa Avenida Doutor López Astray a través da rúa Maruja Mallo. A apertura ao tráfico faise unha vez concluída a execución do amplo proxecto de urbanización, que incluíu a pavimentación da nova estrada coa correspondente sinalización horizontal e vertical, a construción de beirarrúas, a creación de espazo de aparcamento, instalacións das redes de saneamento e abastecemento e a canalización soterrada dos servizos de rede eléctrica, telecomunicacións e iluminación pública.

Neste proxecto, que forma parte do «Plan especial de equipamentos educativos do instituto», investíronse 245.000 euros. Tamén se creou un novo acceso ao colexio para os autobuses de transporte escolar que xa foi empregado nas últimas semanas.

O Concello tamén está a crear un punto de referencia para os veciños xa que, ademais da apertura e urbanización da nova vía, construirase unha segunda pista polideportiva descuberta –xunto á outra que xa está operativa- e un parque de patinaxe.