A Laracha abrirá este luns a zona ampliada do punto limpo e porá en marcha o novo punto limpo móbil

Trátase de dous servizos complementarios que supoñen un paso decisivo na modernización e mellora do servizo de xestión de residuos no termo municipal.

A ampliación do punto limpo, situado xunto á ponte do Formigueiro, supuxo un investimento de 250.000 euros. O proxecto permitiu acondicionar e integrar unha parcela contigua -adquirida polo Concello-, dotando ás instalacións de maior superficie operativa, mellores accesos e unha organización máis eficiente dos espazos destinados á recepción, separación e almacenamento dos residuos.

A ampliación posibilita, ademais, a incorporación de novos servizos demandados pola veciñanza, como o depósito de materia vexetal por parte de particulares (pequenos restos de poda, céspede e residuos similares de orixe doméstica) e tamén o depósito de plásticos de silo por parte de persoas non profesionais do sector agrario, facilitando así unha xestión axeitada deste tipo de materiais.

O punto limpo manterá o seu horario habitual de apertura: os luns de 15:00 a 20:00 horas; os mércores e venres de 16:00 a 20:00 horas; e os sábados de 9:00 a 14:00 horas.

Paralelamente, o Concello tamén porá en marcha tamén o luns o novo punto limpo móbil, un vehículo tipo pick-up eléctrico adquirido por 82.000 euros, que permitirá achegar o servizo ás trece parroquias do municipio. Esta iniciativa facilitará o depósito separado de diferentes tipos de residuos, favorecendo o seu posterior tratamento e reciclaxe e reducindo os desprazamentos dos particulares ata as instalacións fixas.

O punto limpo móbil instalarase nas parroquias por períodos dunha semana de acordo ao seguinte calendario, con chegada a cada un dos puntos sempre os luns pola tarde e retirada o luns seguinte a mediodía:

  • 16 a 23 de febreiro: Torás (aparcamento fronte ao acceso ao IES Agra de Leborís).
  • 23 de febreiro a 2 de marzo: Lestón (campo da feira).
  • 2 a 9 de marzo: Caión (A Insua, xunto ao consultorio médico).
  • 9 a 16 de marzo: Lendo (aparcamento Centro Sociocultural).
  • 16 a 23 de marzo: Lemaio (praza xunto á igrexa).
  • 23 a 30 de marzo: Cabovilaño (aparcamento xunto á igrexa).
  • 30 de marzo a 6 de abril: Vilaño (praza da Areosa).
  • 6 a 13 de abril: Golmar (aparcamento xunto ao Museo dos Muíños).
  • 13 a 20 de abril: Montemaior (praza xunto á igrexa parroquial).
  • 20 a 27 de abril: Soandres (praza xunto ao mosteiro de San Pedro).
  • 27 de abril a 4 de maio: Erboedo (aparcamento xunto ao Centro Sociocultural).
  • 4 a 11 de maio: Coiro (aparcamento xunto á igrexa).
  • 11 a 18 de maio: Soutullo (aparcamento xunto á igrexa).

Ambas iniciativas son froito da colaboración entre o Concello da Laracha e a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia nunha aposta clara por mellorar a eficiencia ambiental, reforzar os servizos públicos e avanzar cara un modelo de xestión de residuos máis sostible. O investimento total ascende a 332.000 euros, cofinanciados con fondos da Unión Europea-Next Generation.

A ampliación das instalacións do punto limpo e a posta en marcha do punto limpo móbil supoñen un paso moi importante para facilitar á cidadanía a reciclaxe e para facer máis accesible un servizo esencial co obxectivo de continuar facendo da Laracha un municipio máis sostible, que reforza o seu compromiso ambiental e incrementa a comodidade para a veciñanza.

O Concello reafirma así o seu compromiso coa protección do entorno, coa correcta xestión dos residuos e cos obxectivos marcados na Axenda 2030, consolidando un servizo máis próximo, moderno e adaptado ás necesidades reais da poboación.

Related posts

Carballo será punto de referencia para o sector dos videoxogos coa II edición da Atlantic Games Conference

Vimianzo saca a licitación as obras de mellora do núcleo de Reparada, na parroquia de Salto

O BNG apoia e comprométese a levar as reivindicacións do comité de empresa de XEAL ás institucións políticas