A Laracha acolleu unha nova edición das Xornadas para as familias desde o servizo de atención temperá

1 minutes read

A segunda edición das Xornadas para as familias desde o servizo de atención temperá que organiza o Concello comezou cunha sesión sobre primeiros auxilios pediátricos que impartiu a Cruz Vermella no Edificio de Servizos Múltiples da Laracha.

Nos próximos tres xoves seguiranse realizando no marco deste programa novas xornadas informativas dirixidas a familias con fillos de entre 0 e 6 anos de idade nas que se abordarán cuestións relacionadas co coidado e a educación dos nenos.

A seguinte cita será o día 15 cunha sesión a cargo de María Cal, psicóloga de atención temperá, centrada no manexo de rebietas. A inscrición está pechada ao estar completas todas as prazas ofertadas.

As persoas interesadas aínda poden anotarse na xornada do 22 de maio sobre o desenvolvemento infantil e signos de alarma que impartirán Lorena Vilouta e Tamara Carro (logopeda e terapeuta ocupacional de atención temperá) e a do día 29 que versará sobre o xogo na infancia a cargo de Javier González (fisioterapeuta de atención temperá).

As inscricións deben formalizarse por teléfono no 981642663 ou presencialmente nas instalacións do Edificio de Servizos Múltiples da Laracha (Avenida Doutor López Astray, 20).

O Concello organiza este programa de xornadas formativas para familias dende o servizo de atención temperá en colaboración coa Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia e co financiamento da Unión Europea.