A campaña de sensibilización e control da tensión arterial e dos niveis de azucre desenvolvida durante o mes de setembro en Carballo pechou hoxe cun balance de participación excepcional. Un total de 1.785 persoas pasaron polo posto atendido polo alumnado da especialidade de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais do Obradoiro Dual de Emprego Lubiáns II ao longo das catro xornadas celebradas coincidindo co mercado semanal dos xoves.
A participación mantívose moi elevada durante todo o mes. Na primeira sesión, o 3 de setembro, realizáronse 381 controis; o día 10 foron 447; o día 17 acadouse a cifra máis alta, con 489 persoas, e na xornada de peche de hoxe realizáronse outros 468 controis.
Deste xeito, a iniciativa supera amplamente as cifras da edición anterior e confirma o interese da veciñanza por este tipo de accións próximas e accesibles de prevención e promoción da saúde.
Ao longo das catro xornadas, o alumnado do Obradoiro Lubiáns II puido poñer en práctica os coñecementos adquiridos na súa formación ao mesmo tempo que prestou un servizo á ciudadanía e contribuíu á sensibilización sobre a importancia dos controis periódicos.
A campaña contou tamén coa presenza de representantes municipais. O alcalde, Daniel Pérez; a concelleira de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade, Maica Ures; o concelleiro de Innovación, Formación e Emprego, Iván Andrade, e o de Feiras e Mercados, Ramón Varela, foron algún dos usuarios e usuarias do servizo.
A campaña continúa en Coristanco
O peche das xornadas de Carballo non supón o remate da actividade para o alumnado do Obradoiro Lubiáns II. A campaña trasladarase agora a Coristanco, onde se realizarán novas sesións de control os días 7 e 21 de outubro.
A iniciativa permitirá así continuar combinando a formación práctica do alumnado cunha actividade de utilidade social centrada na prevención e na concienciación sobre a importancia de controlar factores de risco como a hipertensión arterial ou os niveis elevados de glicosa.
Desde o Concello de Carballo agradécese a extraordinaria resposta das 1.785 persoas que participaron durante este mes, así como o traballo desenvolvido polo alumnado e polo persoal do Obradoiro Dual de Emprego Lubiáns II.
