O BNG reivindicou en Camariñas ter unha voz forte en Madrid ‘para facer valer Galiza e a Costa da Morte’

2 minutes read
  • A mariscadora e candidata nacionalista ao Congreso Ana Pasantes, os deputados Rosana Pérez e Oscar Insua, e o portavoz do BNG de Camariñas, Xurxo Rodríguez, participaron nun acto público no marco da campaña do 29-N.

O Bloque Nacionalista Galego celebrou este domingo 15 de novembro na Casa de Pedra de Camariñas un acto público centrado nas vindeiras eleccións xerais do 29 de novembro e na importancia de acadar unha forte representación no Congreso e Senado para facer valer os intereses de Galiza e da Costa da Morte en Madrid.

O encontro contou coa intervención de Ana Pasantes, mariscadora camariñá e número 8 da candidatura da formación ao Congreso pola provincia da Coruña; acompañada de Rosana Pérez, deputada no Parlamento galego e número 2 tamén na lista coruñesa; e do parlamentario do BNG pola Costa da Morte e Bergantiños, Oscar Insua.

Durante o acto, que foi presentado polo portavoz municipal do BNG de Camariñas, Xurxo Rodríguez, os representantes nacionalistas subliñaron o traballo desenvolvido durante os últimos anos en Madrid polo que volve a ser cabeza de lista ao Congreso pola Coruña, Néstor Rego, poñendo en valor as múltiples iniciativas rexistradas en defensa de servizos públicos dependentes do Goberno do Estado na Costa da Morte. Entre elas, as xestións relativas á falta de persoal  e a deficitaria atención nas oficinas do Instituto Social da Marina (ISM) e de Correos en Camariñas, solicitando melloras nos mencionados aspectos para que a veciñanza teña acceso a uns servizos de calidade.

Así mesmo, destacaron o acordo acadado polo BNG para que o Goberno central desenvolva un estudo urxente acerca da salinidade, o quecemento e a perda de biomasa nas augas das rías galegas, avaliando o seu impacto directo na caída de produtividade do sector marisqueiro, incluíndo de forma expresa a ría de Camariñas.

No acto púxose en valor a iniciativa impulsada polo BNG en Madrid para que se estableza a exención do pago de cotas á seguridade social para aquelas mariscadoras que se atopan en situación de inactividade, como ocorre coas traballadoras do mar do municipio camariñán.

Tamén lembrouse o logro de que a Costa da Morte conte desde hai pouco cunha base de vixilancia aduaneira, situada en Cee, para loitar contra o narcotráfico; logo da insistencia do BNG, que foi a primeira forza política en reivindicala con iniciativas no Congreso, a través de Néstor Rego, e no Parlamento galego da man do deputado Oscar Insua.

Expúxose ademais que a cita coas urnas do 29-N representa unha oportunidade de apoiar ao BNG para consolidar unha voz galega propia en Madrid, para defender os dereitos sociais para unha vida digna, e para frear á dereita.