Zas presenta unha programación especial polo 25N con actividades para toda a veciñanza e os centros educativos

2 minutes read

O Concello de Zas organiza un programa especial de actividades con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A iniciativa inclúe propostas culturais, teatrais e formativas dirixidas á veciñanza, así como accións de sensibilización e prevención nos centros educativos do municipio.

A programación arrancará o luns 16 de novembro, ás 18:15 horas, co inicio do Curso de Regulación Emocional no Centro Sociocultural de Zas. O mércores 18, ás 19:00 horas, o Auditorio de Baio acollerá a representación teatral ‘Véxote con outros ollos’, a cargo do Grupo Interxeracional Avoas de Laxe.

As actividades culturais continuarán o sábado 21, ás 20:00 horas, co espectáculo de narración ‘Asdomare – Rilo & Penadique’. O domingo 22, ás 18:30 horas, representarase ‘Shopie non é o meu nome de guerra’, mentres que o martes 24, ás 20:30 horas, será a quenda de ‘As aventuras de Naviza Girl’. Todas estas propostas terán lugar no Auditorio de Baio. O programa completarase o xoves 26, ás 10:15 horas, cunha visita da Asociación Íntegro para coñecer as instalacións e o funcionamento do Centro de Información á Muller do Concello.

Actividades nos centros educativos

A programación chegará tamén ao alumnado dos centros educativos do municipio. A partir do 16 de novembro, os escolares de Primaria do CEIP Labarta Pose de Baio e do CPI de Zas participarán na actividade ‘Efecto Dominó 25N: Derrubamos a Violencia de Xénero’.

O mércores 18, ás 11:30 horas, o Auditorio de Baio acollerá a representación de ‘O arcón de Noa’, destinada ao público infantil. Pola súa banda, o alumnado de 4º da ESO e FP Básica do IES Maximino Romero de Lema participará o luns 23 no programa ‘Erradicando a violencia sexual’, mentres que o resto do alumnado da ESO realizará o escape room ‘A viaxeira no tempo’.

O mércores 25, o alumnado de Infantil e 1º de Primaria do CEIP Labarta Pose participará na proposta ‘Non hai cousas de neno nin de nena, só de persoas’. Finalmente, o xoves 26, o alumnado de Infantil e Primaria do CPI de Zas tomará parte na actividade ‘Novos lobos’.

O alcalde de Zas, Manuel Muíño, destaca a importancia de manter o compromiso colectivo fronte á violencia machista: «A violencia contra as mulleres é unha realidade que debemos combater todos os días do ano. Desde o Concello queremos contribuír a esta loita promovendo a sensibilización, a educación e a implicación de toda a sociedade».

O rexedor tamén incide no papel fundamental da prevención desde as primeiras etapas educativas: «É esencial traballar coa infancia e coa mocidade para fomentar relacións baseadas no respecto, na igualdade e na liberdade, e avanzar así cara a unha sociedade libre de violencia contra as mulleres».