O acendido celebrouse este sábado ás 20.00 horas na Praza da Porta do Sol ante miles de persoas e contou coa presenza do alcalde Abel Caballero, dos 18 concelleiros socialistas do goberno municipal e da ministra Milagros Tolón. Houbo confeti, neve artificial, un espectáculo musical e a colaboración de Disney+, que previamente organizou un desfile pola cidade. Caballero, premeu o botón que vai converter a cidade no destino de máis de seis millóns de persoas nas vindeiras semanas. Segundo dixo, «Vigo inventou o Nadal do século XXI para todo o universo». Doce millóns de lámpadas LED alumían xa en cincocentas rúas e prazas que locen arcos brillantes e motivos ornamentais. Unha enorme nora, un bosque refulxente e unha árbore xigante coroan este parque temático urbano que se completa cun intenso programa de animación na rúa.

