O triatleta da A.D. Fogar Andrés Prieto completou un gran rendemento na xira asiática da World Triathlon Cup

2 minutes read

Logo de asinar un 13º posto en Hong Kong e un destacado 9º lugar en Miyazaki, Prieto consolídase así entre os mellores especialistas internacionais da distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de ciclismo e 5 quilómetros de carreira a pé).
Na cita celebrada o sábado 7 de novembro en Hong Kong, que abría este bloque competitivo en Asia, Andrés Prieto amosou un gran nivel cruzando a liña de meta nunha meritoria 13ª posición. Con este resultado, o deportista do club carballés e oleirense superou con folgura o seu mellor rexistro previo en probas da Copa do Mundo desta tempada, contribuíndo á gran actuación da selección española nunha proba na que David Castro subiu ao podio (3º) e Izan Edo foi quinto.
Apenas unha semana despois, o sábado 14 de novembro no Miyazaki Seaside Park (Xapón), Andrés Prieto deu un paso máis na súa progresión ao meterse de cheo no Top 10 internacional. O triatleta da A.D. Fogar acadou a 9ª praza na categoría elite masculina, nunha xornada histórica para o tríatlon estatal encabezada pola medalla de prata de Izan Edo nun podio completado polo francés Serré e o chinés Zhang. Andrés Prieto confirma así o seu excelente estado de forma neste treito final do calendario internacional.

Martín López tomou parte na M86 no Nacional Absoluto de curta de natación

Noutro orden de cousas, dentro da A.D. Fogar, este pasado sábado 14 de novembro, Martín López Franco (2001) representóunos no LXIX Campionato de España de Natación Absoluto Open P25 celebrado na madrileña M86 con 163 equipos e 706 nadadoras e nadadores en liza. No terceiro día de competición o da A.D. Fogar nadou as eliminatorias matinais da proba dos 50 metros braza en 28»90, tempo co que foi 51º nunha proba de altísimo nivel na que os 17 primeiros nadaron por debaixo dos 28 segundos e os medallistas por debaixo dos 27. Martín ostenta a día de hoxe o récord absoluto do club en piscina curta cun tempo de 28»53.