O PSdeG defendeu na Laracha e Corcubión as pensións públicas e máis servizos e oportunidades para a Costa da Morte

5 minutes read

O PSdeG celebrou este domingo un encontro coa veciñanza na Capela do Pilar de Corcubión, no que participaron Obdulia Taboadela, cabeza de lista do PSOE ao Congreso pola provincia da Coruña; Bernardo Fernández, alcalde de Pontedeume, e Jorge Domínguez, candidato socialista e coordinador comarcal de Costa Atlántica. 

Obdulia Taboadela puxo o foco na importancia das pensións como un dos piares fundamentais do Estado do benestar e destacou as subidas impulsadas polo Goberno de Pedro Sánchez. «Despois de toda unha vida de traballo, as persoas teñen que ter unha pensión digna para poder vivir a última etapa da súa vida, que afortunadamente cada vez é máis longa, en condicións dignas», sinalou.

A candidata lembrou tamén o compromiso do presidente do Goberno de garantir as pensións por lei e advertiu das consecuencias que, ao seu xuízo, podería ter un cambio de goberno. «O PP e Vox traen a motoserra e as ganas de recortar, ademais da intención de cambiar o sistema público por un privado de pensións», afirmou. Por iso, apelou á participación nas eleccións do 29 de novembro e pediu ter presente a importancia das pensións á hora de decidir o voto. 

Pola súa banda, Bernardo Fernández puxo o foco na importancia de garantir o poder adquisitivo das persoas maiores, lembrando o esforzo realizado por xeracións de homes e mulleres que traballaron e se sacrificaron para construír unha sociedade máis xusta e avanzada. Neste sentido, subliñou que asegurarlles unhas pensións dignas é tamén unha maneira de devolverlles todo ese esforzo e ofrecerlles tranquilidade e benestar nesta etapa da vida.

O alcalde destacou que, durante a actual lexislatura, o Goberno socialista vinculou a actualización das pensións á evolución dos prezos para evitar que as persoas pensionistas perdesen poder adquisitivo. En contraposición, lembrou que, segundo sinalou, durante os gobernos do Partido Popular as pensións aumentaron por debaixo do custo da vida. Fernández tamén advertiu sobre o risco que, ao seu xuízo, suporía abrir a porta á participación de entidades privadas no sistema público de pensións, que reivindicou como un dos piares fundamentais do Estado do benestar.

Pola súa banda, Jorge Domínguez valorou o encontro como unha oportunidade para escoitar a veciñanza e reforzar o compromiso co futuro do territorio. O candidato destacou a necesidade de contar con máis servizos públicos e mellores comunicacións, facendo especial fincapé na demanda dunha ambulancia medicalizada que poida responder ás necesidades da comarca.

Domínguez defendeu que vivir na Costa da Morte debe ser unha opción con oportunidades, na que a cidadanía teña voz nas decisións que afectan ao seu territorio e poida construír o seu futuro sen ter que marchar da súa terra. Unha reivindicación que situou no centro do encontro e que, segundo sinalou, saíu reforzada polo contacto coa veciñanza.

Na Laracha chamaron a votar PSOE para garantir unhas pensións públicas dignas e frear a súa privatización

O PSdeG reivindicou na Laracha a defensa das pensións públicas como un dos piares fundamentais do Estado do benestar e chamou á cidadanía a apoiar o PSOE nas eleccións xerais do vindeiro 29 de novembro para garantir a súa continuidade e sustentabilidade. No acto participaron tamén Gumersindo Guinarte, candidato ao Senado; Inés Ramos, voceira do Grupo Municipal Socialista da Laracha; Pedro Blanco, delegado do Goberno en Galicia; Aitor Bouza e Silvia Longueira, deputados no Parlamento de Galicia; e Patricia Iglesias, responsable da asesoría xurídica do PSdeG.

A cabeza de lista ao Congreso pola provincia da Coruña, Obdulia Taboadela, lembrou que o Goberno de Pedro Sánchez impulsou importantes subidas das pensións porque os socialistas consideran que, despois de toda unha vida de traballo, as persoas teñen dereito a gozar dunha xubilación digna. «As persoas teñen que ter unha pensión digna para poder afrontar a última etapa da súa vida, que afortunadamente cada vez é máis longa, en condicións dignas», sinalou.

Taboadela subliñou que o compromiso do PSOE é garantir por lei a actualización das pensións conforme á Constitución e advertiu de que un eventual Goberno de PP e Vox podería supoñer un cambio de modelo, coa intención de recortar prestacións e substituír progresivamente o sistema público por alternativas privadas. «Por iso necesitamos que siga gobernando unha maioría progresista. O PP e Vox traen a motoserra e as ganas de recortar, ademais da intención de cambiar o sistema público por un privado de pensións», alertou.

Pola súa banda, o candidato ao Senado Sindo Guinarte incidiu na importancia de que a cidadanía teña presente o futuro das pensións á hora de votar e comparou a evolución das prestacións durante os gobernos de Mariano Rajoy e Pedro Sánchez. Segundo explicou, durante a etapa do Goberno do PP as pensións apenas experimentaron unha subida media do 5 %, fronte ao incremento do 45 % rexistrado durante os gobernos socialistas.

Guinarte lembrou tamén as actualizacións mínimas que se aplicaban durante a etapa de Rajoy, cando os pensionistas recibían cartas nas que se lles comunicaba unha subida de apenas un euro, e contrapuxo esa política ao compromiso do PSOE coa protección do poder adquisitivo das persoas xubiladas.

O candidato socialista advertiu, ademais, do risco que suporía avanzar cara á privatización das pensións e converter un dereito garantido polo sistema público nun negocio para bancos e compañías aseguradoras. «Non é o mesmo votar o Partido Socialista, que garante unhas pensións públicas, que votar o Partido Popular, que quere que pasen a ser un negocio das aseguradoras e dos bancos», afirmou.

Os socialistas insistiron así en que as eleccións do 29 de novembro son decisivas para o futuro das persoas pensionistas de hoxe e das xeracións que se xubilarán mañá. Por iso, chamaron á mobilización e pediron concentrar o voto no PSOE para defender unhas pensións públicas dignas, sostibles e garantidas.