A Laracha adherirase ao convenio coa Xunta e a Fegamp para a tramitación de sancións relacionadas coa Covid

1 minutes read

O goberno local da Laracha elevará á próxima sesión plenaria a adhesión ao convenio coa Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a tramitación dos procedementos sancionadores relacionados co coronavirus cando os incumprimentos das medidas de prevención se detecten en ámbitos de competencia municipal. En virtude dese acordo, o Concello terá acceso á asistencia técnica e material por parte da Xunta de Galicia para unha xestión máis áxil e óptima dos trámites necesarios. Este convenio estará vixente ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria en Galicia.

Comisión de seguimento da Covid-19

Este foi un dos asuntos a tratar na reunión da Comisión municipal de seguimento da situación ante a Covid-19 convocada con carácter de urxencia tralo anuncio do conselleiro de Sanidade de que o Concello da Laracha baixou desde a pasada media noite ao nivel básico de restricións debido ao descenso no número de casos rexistrado nas últimas semanas.

O alcalde, José Manuel López Varela, mostrou o seu agradecemento á cidadanía polo cumprimento xeral das medidas de prevención, que posibilitaron o levantamento do peche perimetral no termo municipal da Laracha e un maior nivel de permisividade para o sector hostaleiro.

O rexedor tamén valorou positivamente o aumento dos aforos máximos nos eventos culturais de cara a organización da programación municipal de Nadal.