A Laracha adxudica as becas de axuda á escolarización

1 minutes read

Na sesión da Xunta de Goberno Local celebrada este xoves acordouse adxudicar as axudas municipais á escolarización a proposta da Comisión de Valoración, que durante as últimas semanas avaliou e cualificou a totalidade das solicitudes presentadas.

A lista de bolseiros está dispoñible para a súa consulta na web municipal www.alaracha.gal, onde tamén pode descargarse o documento para xustificar a axuda. O prazo para facelo remata o 30 de novembro.

A convocatoria deste ano está dotada cun total 75.000 euros que o Concello destina a cooperar cos 382 beneficiarios e as súas familias ante os gastos que implica o inicio do curso escolar.

A contía das axudas é de 165 euros (80 becas) para os beneficiarios das bolsas de estudos que sexan estudantes de educación infantil, 150 euros (204 becas) para os de educación primaria, secundaria obrigatoria e programas de garantía social, 225 euros (40 becas) para os estudantes de bacharelato e ciclos formativos de grao medio e superior, 350 euros (20 becas) para aqueles alumnos que presenten necesidades educativas especiais e 400 euros (38 becas) para os que cursen estudos universitarios (grao medio, superior e máster). Cabe lembrar que estas axudas municipais son compatibles con calquera convocatoria de bolsas de estudos realizada por outra administración ou institución.