A Laracha adxudicará catro proxectos de mellora viaria por 461.000 euros

2 minutes read
  • Actuarase en estradas e camiños municipais de nove parroquias

A Mesa de Contratación clasificou este xoves as ofertas das empresas que concorreron ás licitacións catro proxectos de mellora viaria de estrada municipais da Laracha. Así, o Concello procederá nos próximos días á adxudicación dos contratos, que en total suman 461.000 euros.

O proxecto de maior orzamento (170.000 euros) afecta á parroquia de Soandres e inclúe a mellora da capa de rodadura en estradas dos núcleos de O Priorato, A Abeleira, Boimir, A Insuaboa, Currelos de Abaixo, Condesuso, Condes, As Táboas e A Ponte da Veiga. Son 12 as ofertas presentadas.

Outra das actuacións localízase integramente na parroquia de Montemaior. Neste caso contémplase a mellora do pavimento e da rede de recollida de augas pluviais nos puntos nos que así é necesario dos núcleos de O Batalo, Bardenlos, A Ferreira, Casas Longas, O Lorteiro e Pazos. Para este proxecto presentáronse 11 empresas e o presuposto ascende a 95.000 euros.

Á mellora da rede viaria nas parroquias de Cabovilaño, Caión, Coiro, Lendo e Vilaño presentáronse nove ofertas. O orzamento é de 72.000 euros e inclúense a renovación da superficie de rodadura e o reforzo da seguridade viaria en Cardois (Cabovilaño), Goxán (Caión), A Painceira (Coiro), O Campo da Porta (Lendo) e Vilanova (Vilaño).

A última adxudicación corresponde ao proxecto que afecta ás parroquias de Lemaio e Torás, alcanzando os 124.000 euros. Ata 12 empresas presentaron as súas ofertas. En Lemaio levarase a cabo unha ampla intervención que contempla a mellora da capa de rodadura de dúas vías que comunican e discorren polos núcleos de A Estrada, Tuixe de Arriba, Tuixe de Abaixo e A Barreira, e que presentan unha lonxitude total duns 5.000 metros lineais. Tamén se acondicionará e ampliará a rede de abastecemento de auga. En Torás a intervención prevista corresponde á estrada no núcleo de O Campo e consiste na mellora dos sobreanchos resultantes da construción de novos peches de parcelas particulares para o seu aproveitamento como espazos de aparcamento. Tamén será ampliada e mellorada a rede de recollida de augas pluviais.