A Laracha aproba a licitación do contrato dos servizos municipais de limpeza e conserxería

1 minutes read

Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada este mércores aprobouse o novo expediente de contratación do servizo de limpeza e conserxería en centros escolares, edificios, dependencias e instalacións de titularidade municipal. Nos próximos días publicarase a documentación na Plataforma de Contratación del Sector Público antes de iniciarse o prazo de presentación de ofertas.

O orzamento ascende a un total de 1.730.000 euros pola prestación do servizo durante un período máximo de catro anos (dous anos prorrogables por outros dous máis). Nos pregos que rexerán o procedemento tamén queda definida a relación de persoal adscrito ás diferentes instalacións con posibilidade de solicitude de subrogación.

Co propósito de incrementar a competencia e facilitar a participación das pequenas e medianas empresas no procedemento, a contratación estruturarase en dous lotes, establecendo que un mesmo licitador só poderá ser adxudicataria dun deles.

O lote 1 é o referido ao servizo de limpeza e conserxería dos centros de educación infantil e primaria do municipio: o Otero Pedrayo, o Alfredo Brañas e o de Caión. O valor estimado do contrato polos catro anos ascende a 873.620,20 euros. O lote 2 inclúe o resto de edificios e instalacións municipais: Casa do Concello, Edificio Administrativo, escola infantil, Casa da Cultura, Centro sociocultural de Paiosaco, Centro sociocomunitario de Caión, Centro sociocultural da Insua, biblioteca da Laracha, centro de saúde de Caión, nave municipal do parque empresarial, pavillóns polideportivos de Caión, do IES Agra de Leborís e do CEIP Alfredo Brañas e o complexo deportivo do Campo de Fútbol Municipal da Laracha (incluíndo o pavillón e as pistas de pádel). Neste caso o valor estimado do contrato é de 855.770,12 euros.