sábado, 25 abril , 2026

A Laracha aproba no pleno o destino dos fondos do POS+2022

3 minutes read
  • Dun total de 820.000 euros a obras, a metade irán destinados a obras e investimentos

O pleno ordinario celebrado este venres na Casa da Cultura da Laracha aprobou por unanimidade a proposta do grupo de goberno para destinar os fondos das diferentes partidas que percibirá o Concello neste ano 2022 con cargo ao Plan Único Concellos (POS+) da Deputación da Coruña.

En total serán 819.627,71 euros divididos en tres achegas con diferentes finalidades: 423.382,43 euros destinaranse a obras de investimento, 293.515,02 son para gasto corrente e 102.730,26 euros corresponden ao POS+ Adicional para o financiamento de gastos sociais extraordinarios.

Así, os proxectos a financiar con cargo á achega para obras de investimento céntranse na mellora da rede viaria municipal con actuacións contempladas nas parroquias de: Lendo (núcleos de O Canle, O Cruceiro Novo e Samiráns), Torás (núcleos de A Portela e A Barreira e estrada entre a Avenida de Caión e O Campo), Vilaño (núcleos de os Meáns e O Formigueiro e estrada desde A Botica ata O Pino), Montemaior (núcleo de O Raño e estrada entre A Baiuca e A Pena), Cabovilaño (núcleos de A Braña e O Cancelo), Coiro (núcleos de O Coto e As Meneiroas), Lestón (estrada desde A Rabadeira ata O Igrexario), Erboedo (núcleo de Paredes), Soandres (núcleos de Borreiros e Curros), Golmar (núcleo de O Igrexario) e Soutullo (núcleos de O Vilar, Os Bidueiros e A Abeleira).

Plan Complementario

Este plan, de natureza de reserva e cuxa finalidade é poder investir os créditos procedentes no caso de que a Deputación da Coruña acordase unha maior achega para o POS+ ao longo do ano, tamén queda definido cun orzamento de 374.338,92.

Inclúe actuacións nas parroquias de Lemaio (A Fontaíña e Proame), Erboedo (San Paio e O Igrexario), Coiro (A Ferrulleira), Golmar (As Talladas), Montemaior (O Penedo, A Carballa Redonda e Adrán) Soutullo (estrada entre Groba, da parroquia de Golmar, e O Vilar do Boi), Torás (estrada entre Riotorto e a vía provincial DP 0513), Lestón (Os Currais) e Caión (Cima de Vila).

Plan Adicional

Co POS+ Adicional financiaranse gastos sociais extraordinarios que asumirá o Concello ao longo do 2022 en tres áreas: ampliación do servizo de axuda a domicilio en todas as súas modalidades, reforzo do persoal adscrito aos servizos sociais municipais e aumento da dotación das partidas económicas destinadas ás axudas de emerxencia para persoas e familias en situación de risco de exclusión social.

O alcalde, José Manuel López Varela, considera que o Plan Único Concellos significa «unha achega importante no orzamento municipal» e que toda aportación doutras administracións «é benvida para reforzar os servizos municipais e poder realizar obras de interese para a cidadanía».

Bonificación ICIO

Tamén houbo unanimidade na aprobación da concesión dunha bonificación do 95% no imposto municipal de construcións, instalacións e obras (ICIO) ao proxecto de creación da nave industrial da firma Unifersa no parque empresarial da Laracha. A cota tributaria xeral en concepto de ICIO para este proxecto ascende a 131.219,03. Dado que a bonificación do 95% supón 124.658,08 euros, a firma soamente deberá aboar 6.560,95 euros por ese concepto.

Para o alcalde, as medidas de rebaixa de impostos e taxas municipais «favorecen que as empresas poidan dar o paso e asentarse na Laracha, o que repercute no aumento das oportunidades laborais para os nosos veciños».

Rosalía de Castro

O voto positivo dos tres grupos municipais repetiuse na aprobación dunha moción na que se acordou realizar actividades en torno ao Día de Rosalía -23 de febreiro- para enxalzar a figura da escritora e promover a súa obra.