A Laracha aproba un suplemento de crédito de 914.000 euros e a adhesión á estratexia de promoción da saúde

4 minutes read

O Pleno, reunido este xoves en sesión extraordinaria, aprobou a modificación de crédito número 22/2026, na modalidade de suplemento de crédito, por un importe de 914.074,40 euros a financiar con cargo ao remanente de tesourería. O acordo saíu adiante coa única abstención dos dous concelleiros do grupo socialista.

A incorporación destes recursos ao orzamento permitirá reforzar distintas partidas municipais e avanzar na execución novos investimentos en instalacións deportivas e culturais, patrimonio municipal, alumeado público, rede viaria e parques e xardíns.

Entre as actuacións previstas figuran a reforma da cuberta e das bancadas do pavillón polideportivo de Paiosaco, a rehabilitación do Centro Sociocultural do Rapadoiro (parroquia de Coiro) e diversas melloras na iluminación pública, incluíndo a substitución de de determinados puntos de luz actuais por novas luminarias LED máis eficientes.

O alcalde, José Manuel López Varela, destacou que esta nova modificación permite continuar aproveitando os recursos económicos dispoñibles para atender necesidades do municipio. Neste sentido, sinalou que entre este suplemento e o aprobado recentemente no anterior Pleno xa se están mobilizando arredor de dous millóns de euros para investimentos. “Todo o que poidamos incorporar do remanente ao orzamento para investimentos, imos facelo”, adiantou o rexedor.

O Pleno tamén aprobou, neste caso por unanimidade dos tres grupos, a adhesión do Concello á Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención no Sistema Nacional de Saúde (SNS).

Trátase dun novo paso que dá o Concello no ámbito da promoción da saúde e do benestar da veciñanza. A adhesión dá continuidade á incorporación, aprobada o pasado mes de xaneiro, á Rede Española de Cidades Saudables e permitirá á Laracha participar en novas iniciativas e acceder a liñas de axudas vinculadas a esta estratexia.

A concelleira de Servizos Sociais e Sanidade, Rocío López, explicou que a adhesión á Estratexia constitúe un dos requisitos para poder acceder a determinadas axudas promovidas pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e o Ministerio de Sanidade. Neste sentido informou de que o Concello conta xa cunha resolución provisional dunha axuda de 18.000 euros.

Entre as actuacións que se prevé desenvolver con este apoio figura o mapeo dos servizos e recursos relacionados coa saúde existentes no municipio co obxectivo de coñecer e ordenar os recursos dispoñibles e facilitar o acceso da cidadanía aos mesmos. A edil tamén destacou que esta nova liña de traballo estará relacionada con outras iniciativas que o Concello xa vén desenvolvendo, entre elas as orientadas á prevención da soidade non desexada.

O alcalde puxo en valor que a adhesión non constitúe unicamente un acordo formal, senón que permitirá seguir avanzando en actuacións concretas, reforzar varias actividades que temos en marcha e incorporar outras novas para consolidar así a aposta municipal pola promoción da saúde, a prevención e o benestar da veciñanza.

O PSdeG da Laracha critica esta medida

O Grupo Municipal do PSOE da Laracha critica o que define como «continua improvisación e falta de rigor orzamentario» do goberno local tras a aprobación inicial dun novo Expediente de Modificación de Créditos por un importe total de 914.074,40 euros con cargo integramente ao Remanente de Tesouraría para Gastos Xerais. 

A portavoz municipal socialista, Inés Ramos, sinalou que este novo expediente, o terceiro suplemento de crédito no que vai de ano, «confirma a incapacidade do Concello de deseñar un orzamento realista e ben estruturado, condenándoo a vivir nun parcheo económico constante».

Ramos denuncia que unha parte substancial deste crédito emprégase «para cubrir deficiencias en proxectos xa adxudicados e en marcha, é dicir, para parchear proxectos mal deseñados e con imprevistos supostos e moi custosos».

Puxo como exemplo os 99.000 euros adicionais necesarios para a reforma da Casa Consistorial, os máis de 47.000 euros para a Reitoral de Montemaior ou os 123.000 euros extra para reparar a cuberta da piscina municipal, xustificados por circunstancias non previstas inicialmente. 

«Non podemos falar de erro puntual cando o modus operandi habitual do PP é licitar obras con proxectos mal definidos que logo acaban custando moito máis diñeiro a todos os veciños e veciñas da Laracha», afirmou Inés Ramos. «Usar continuamente o remanente para pagar sobrecostos e mala planificación non é xestionar, é tapar buratos», engade.

Malia á dura crítica ao modelo económico do alcalde, o Grupo Socialista optou pola abstención “por responsabilidade coa veciñanza, para non frear actuacions necesarias e que o Concello non perda estes recursos”.

O expediente inclúe investimentos en servizos básicos como a mellora do alumeado público en Torás, Caión e Montemaior, por 44.518 €. Tamén a renovación do local social do Rapadoiro en Coiro  por 48.382 €, a da seguridade dos xogos no parque infantil da Praza do Concello por 36.000 € ou a reforma do pavillón polideportivo de Paiosaco por 263.862 €.

«A nosa postura é de estrita responsabilidade cos veciños e veciñas das distintas parroquias, que non teñen por que pagar as consecuencias da mala xestión do goberno municipal», explica a voceira socialista.

«Apoiamos que eses cartos vaian a obras que fan falta, pero non imos dar un cheque en branco nin ser cómplices dunha política económica baseada no descontrol e no despilfarro», concluíu, adiantando tamén que o PSOE «fiscalizará ao detalle a execución e os plazos de cada un destes contratos».