Segundo o BNG a Xunta falará coa veciñanza de Estorde para buscar solucións no trazado do camiño Xacobeo

1 minutes read

O deputado Oscar Insua presentou no Parlamento unha pregunta pola vía de urxencia co fin de reclamarlle a Turismo de Galicia que acceda a reunirse cos veciños e as veciñas de Estorde afectados pola modificación de trazado no camiño Fisterra-Muxía, que atravesaría decenas de parcelas e hortas segundo o proxecto aprobado xa polo Consello da Xunta o pasado mes de setembro.

Na formulación da pregunta ao director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, o deputado nacionalista advertiu da “gran preocupación” que existe entre as persoas afectadas e amosouse confiado de que aínda hai marxe para estudar as alternativas presentadas e chegar a un acordo coa administración.

Diante da petición do BNG, o responsable de Turismo accedeu a ter unha “interlocución adicional” coa veciñanza para avaliar a súas alternativas, aínda que rexeitou comprometerse á modificación do trazado elixido.   

Tal e como explicou Insua, o colectivo de afectados, que presentaron unha alegación conxunta en xuño pero non recibiron notificación ata setembro —logo de que o Consello aprobase o cambio de trazado—, expuxeron dúas alternativas de trazado que, segundo manifestan, poderían permitir acadar os obxectivos da actuación cunha afección considerablemente menor sobre as propiedades particulares.

Unha destas alternativas, expuxo o deputado da comarca, permitiría executar a actuación sen necesidade de expropiacións e sen custe a maiores. A outra recuperaría o antigo Camiño Real a Fisterra, tamén identificado como Corredoira da Amarela a Fisterra, o que “podería reducir de maneira significativa o número de alcalde das expropiacións previstas”.