Cinco estudantes de 1º de Bacharelato do IES Maximino Romero de Lema, Laura, Mónica, Paula, Sabela e Daniel, participaron do 15 ao 21 de novembro nunha mobilidade en Eeklo (rexión flamenca de Bélxica) enmarcada no proxecto SmartGarden, que o centro desenvolve xunto con GO! atheneum e leefschool De Tandem. A mobilidade realizouse dentro do programa Erasmus+ e do Programa Galemundo da Xunta de Galicia, no que participa o IES Maximino Romero de Lema de Baio.
O alumnado estivo acompañado polo profesorado Fina Paulos Lareo e Óscar Manuel Rey Calo, membros do grupo de internacionalización do centro. Durante a semana, o alumnado traballou man a man co alumnado belga, compartiu ideas e participou na creación do horto intelixente, eixe do proxecto SmartGarden de ambos centros.
A experiencia permitiulle reforzar competencias lingüísticas, de traballo en equipo e de cooperación internacional, ademais de favorecer a convivencia entre mocidade de contextos diferentes. A estadía tamén incluíu actividades culturais e institucionais: o grupo puido visitar cidades como Gante, Bruxas e Bruxelas, onde coñeceu de primeira man como funciona unha institución europea como o Parlamento Europeo.
O centro quere agradecer o gran traballo realizado polos seus “partners” belgas: as familias acolledoras, o alumnado e todo o equipo do centro GO! atheneum e leefschool De Tandem, que acolleron o grupo galego cunha hospitalidade e un agarimo
excepcionais, factores clave para o bo desenvolvemento da mobilidade.
O intercambio continuará o vindeiro mes de abril, cando o IES Maximino Romero de Lema agarda a visita da delegación belga, formada polo seu alumnado e profesorado. Será a oportunidade de devolver a acollida recibida e de seguir avanzando conxuntamente no proxecto “SmartGarden”.
