O pavillón municipal de Cabana de Bergantiños converteuse o pasado venres nun gran espazo de encontro, convivencia e inclusión coa celebración dunha nova edición dos Xogos Inclusivos 2026, unha iniciativa organizada pola asociación Íntegro que reuniu arredor de 200 persoas nunha xornada na que o deporte, a aprendizaxe e a diversión foron os grandes protagonistas.
A actividade contou coa participación das persoas usuarias da entidade organizadora e de tres entidades sociais da contorna: Adisbismur, Avante e Aspadex, así como do alumnado de Educación Primaria do CPI As Revoltas, de Cabana. Unha representación interxeracional e diversa que volveu demostrar que o xogo é unha ferramenta extraordinaria para derrubar barreiras, favorecer as relacións sociais e construír espazos nos que todas as persoas teñan cabida.
Tras a recepción dos diferentes grupos e a explicación das dinámicas, os e as participantes puxéronse mans á obra para superar as distintas probas propostas pola organización. Ao longo da mañá, o pavillón encheuse de entusiasmo, compañeirismo e moitas risas grazas a xogos como «Tira e ri», «Equilibrio máxico», «Punto perfecto» e «Reto misterioso», catro propostas pensadas para estimular diferentes habilidades, fomentar a cooperación e poñer a proba a destreza, a coordinación e a capacidade de superación dos participantes.
Divididos en grupos e compartindo cada reto en igualdade de condicións, nenos, nenas e persoas con diversidade funcional desfrutaron dunha experiencia na que o importante non era competir nin gañar, senón participar, colaborar, aprender xuntos e descubrir que as diferenzas non son un obstáculo para compartir experiencias e alcanzar obxectivos comúns.
A xornada transcorreu nun ambiente festivo e participativo, no que deporte e inclusión camiñaron da man, facendo realidade o verdadeiro espírito desta iniciativa: crear oportunidades de encontro, promover a igualdade de participación e demostrar que non existen límites cando se xoga en equipo.
Desde Íntegro queremos expresar o noso agradecemento a todas as entidades participantes, Adisbismur, Avante e Aspadex, así como ao alumnado e profesorado do CPI de Cabana, pola súa implicación, entusiasmo e disposición para compartir esta experiencia. Grazas tamén a todas as persoas que fixeron posible esta nova edición e, especialmente, a quen se achegou ao pavillón para sumar, participar e demostrar que unha sociedade máis inclusiva tamén se constrúe xogando.
Grazas por vir, por participar e por facer dos Xogos Inclusivos 2026 unha xornada para lembrar. Porque cando xogamos xuntos, gañamos todos e todas!
0
