O Concello de Camariñas levará este venres, 27 de novembro, ao pleno municipal a proposta para instar á Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia, a declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia de tres das citas máis arraigadas do municipio: as Festas do Carme de Camelle, a Festa da Praia de Xaviña e a Festa do Caldo de Riola da Ponte do Porto. Anteriormente o Concello xa solicitou este distintivo para as Festas do Carme de Camariñas.
Cada proposta vai acompañada dunha memoria xustificativa que recolle estudos históricos e etnográficos, datos estatísticos e documentación gráfica. De ser aprobadas polo pleno, o Concello remitirá a documentación á Axencia de Turismo de Galicia.
Coa aprobación destas propostas, o Concello recoñece o traballo desinteresado de décadas de veciñanza, confrarías, comuneiros e asociacións e aspira a dotar as súas parroquias dun selo oficial de calidade que contribúa a desestacionalizar o turismo, atraer novos visitantes e consolidar o futuro económico e social do municipio.
Festas do Carme de Camelle: danza, mar e memoria
Con constancia documental no inventario parroquial desde 1958 e asentada sobre a tradición mariñeira da Confraría do Espírito Santo, fundada en 1690, e do pósito creado en 1931, a festa celébrase a primeira fin de semana de agosto. Conta cun orzamento superior aos 30.000 euros e congrega arredor de 2.500 persoas o sábado, día grande, e entre 2.500 e 3.000 asistentes tanto na churrascada do venres como nos actos da Virxe dos Remedios do domingo.
Entre os seus elementos singulares destaca a Danza de Arcos, que en 2026 contou con 100 danzantes, dos cales 68 son mulleres, o que a converte na danza branca procesional deste tipo con maior número de bailaríns de toda Galicia. Os arcos de madeira lávanse previamente na auga do mar e dóbranse de forma artesanal para acompañar á Virxe.
Tamén sobresae a procesión marítima organizada pola Confraría de Pescadores, na que participan entre 140 e 150 mariñeiros. A frota, engalanada con loureiro e bandeiras, percorre a costa ata Arou e Traba de Laxe, onde se lanza unha coroa de flores en memoria dos náufragos e se intercambian salvas de pólvora como símbolo de irmandade entre os pobos mariñeiros da Costa da Morte. A festa destaca ademais polo forte protagonismo das mulleres e da mocidade, que garante a transmisión interxeracional deste patrimonio vivo.
Festa da Praia de Xaviña: a simbiose entre o mar e o agro
A festa entronca coa devoción secular en Xaviña a Santa Ana e Santiago Apóstolo, documentada polo menos desde 1850, e ten a súa orixe moderna en 1960, cando a veciñanza de Xaviña e Ponte do Porto comezou a celebrar romarías e merendas campestres na praia do Ariño. Desde 1982 o Concello asume a súa organización, e consolidouse como o gran evento comarcal do Día de Galicia. Nos últimos cinco anos conta cun orzamento medio superior aos 14.000 euros e unha afluencia duns 1.500 asistentes.
A súa singularidade está na unión entre a tradición agraria e forestal, xestionada por preto de 200 familias comuneiras en 500 hectáreas, e a cultura mariñeira e marisqueira, nunha parroquia que alberga algúns dos mellores bancos de berberecho e ameixa da comarca e onde as mulleres representan o 90 % do colectivo marisqueiro. A xornada, de carácter non comercial, xira arredor da convivencia interxeracional na área recreativa do Ariño, con merendas familiares, unha sardiñada popular e gratuíta con produtos de proximidade, a banda de gaitas Abrindo Rejo e o coro Anduriñas de Xaviña. A festa funciona ademais como escaparate dun traballo comunal e institucional sostido que converteu o Ariño nun referente de turismo mariñeiro e dinamización do rural.
Festa do Caldo de Riola: un prato único en Galicia
Nacida en 1990 por iniciativa veciñal a través da asociación cultural Ventiños da Ponte, é unha das festas gastronómicas pioneiras da Costa da Morte. Celébrase o último sábado de xullo en homenaxe á comunidade emigrante da comarca, especialmente á residente en Suíza, e desde 2017 o Concello asume a súa organización loxística, as infraestruturas, a seguridade e a garantía económica, sen que perda o seu carácter veciñal, voluntario e desinteresado.
O caldo de riola é unha elaboración tradicional ligada á matanza do porco, documentada desde mediados do século XIX, que só se coñece e se conserva na volta de Ponte do Porto, irmandando parroquias de tres concellos: Camariñas, Vimianzo e Muxía. A festa destaca tamén pola súa pota, a máis grande do mundo segundo a súa candidatura: a primeira, de máis de 5.000 litros, foi feita en 1990 e certificada notarialmente para optar ao Libro Guinness, e a actual, de aceiro inoxidable, supera os 4.200 litros. O caldo cociñase con produtos locais de proximidade e repártese en cuncas de barro de Buño.
Celébrase na Praza do Outeiro, escenario da histórica Feira dos Porcos, e a degustación acompáñase de música tradicional, foliadas e o descenso en kayak polo río Grande. Nos últimos cinco anos, a cita rexistra entre 1.500 e 2.000 visitantes, con entre 1.000 e 1.500 racións repartidas, e mobiliza preto de 140 persoas voluntarias, apoiadas por unha ducia de operarios municipais.
