A Laracha avanza no procedemento de contratación de dous proxectos de mellora da rede viaria

Actuación anterior en Montemaior_Arquivo_CL

Dous novos proxectos dirixidos á mellora da rede viaria municipal serán adxudicados nos próximos días pola Xunta de Goberno Local, o órgano competente, despois de que a Mesa de Contratación procedese este mércores á apertura das plicas coas propostas das empresas licitadoras e á clasificación desas ofertas.

Entre ambas actuacións o investimento alcanza os 193.000 euros, que se destinarán a renovar a superficie de rodadura e aumentar a seguridade viaria en estradas de titularidade municipal situadas nas parroquias de Soandres e Montemaior.

O proxecto de maior entidade localízase na estrada de Montemaior que comunica os núcleos Goexe e O Lorteiro. Presentáronse seis ofertas de empresas licitadoras. A ampla actuación proxectada afecta a unha lonxitude aproximada de 1.650 metros, nos que se vai ampliar a plataforma da calzada, renovar a superficie de rodadura dos vehículos cunha capa de aglomerado asfáltico, optimizar a rede de recollida de pluviais e mellorar a sinalización para aumentar a seguridade viaria. Esta estrada dá servizo a máis de trinta parcelas agrícolas que son xestionadas por varias explotacións, polo que mellorala, ademais de favorecer as comunicacións entre os citados núcleos de poboación, tamén facilitará a actividade agrogandeira e o tránsito da maquinaria e dos vehículos agrícolas. O proxecto está valorado en preto de 135.000 euros que será cofinanciados pola Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) dentro do Plan Camiña Rural 2025-2026.

A actuación en Soandres suporá un investimento de 58.000 euros, neste caso cofinanciado pola Deputación da Coruña ao abeiro do Plan Único POS+ Concellos. Hai sete empresas que aspiran á adxudicación. A intervención afecta a varios tramos da estrada municipal que comunica os núcleos de Encián, As Senras e O Priorato, e que por tanto dá acceso ao mosteiro de San Pedro. Contémplase a mellora da superficie de rodadura e a limpeza das cunetas. Nun sector da vía será instalada unha barreira de protección nunha das marxes para aumentar a seguridade ante o desnivel existente entre a calzada e as parcelas lindeiras. Os traballos rematarán coa sinalización horizontal e vertical para unha mellor visualización.

Related posts

Cee | XIIª Edición do Programa Educativo Cultural ‘O Mes da Fundación’

Vimianzo acollerá o sábado 3 de outubro unha campaña de limpeza do Río Grande

O luns 15 comeza o período voluntario de pago anual dos impostos en Carballo