A Laracha celebra o sábado 1 de xuño a 11 edición do Día do Deporte

2 minutes read

Por undécimo ano consecutivo o Concello da Laracha recibe o mes de xuño celebrando unha nova edición do Día do Deporte, que terá lugar durante toda a mañá do sábado 1 de xuño.

Trátase dun dos eventos habituais na programación municipal anual que se organiza cos propósitos de fomentar a práctica de diversidade de tipos de actividade física e promocionar os estilos de vida saudables entre persoas de todos grupo de idade, en especial dos nenos e dos maiores.

Desde as 10:00 horas as explanadas situada xunto ao IES Agra de Leborís, a biblioteca municipal da Laracha e a Casa da Cultura, así como a piscina municipal, serán os puntos de encontro para todas as persoas que desexen participar e formar parte desta xornada saudable, deportiva e lúdica. Poderanse practicar modalidades como fútbol 3×3, baloncesto, judo, tiro con arco, xadrez, equitación, chave, bádminton, ximnasia de mantemento, spinning, zumba e aeróbic. Na piscina municipal realizarase aquagym de 10:45 a 11:15 horas e no pavillón do IES Agra de Leborís haberá unha exhibición de patinaxe a partir das 11:00 horas coa que se concluirán a temporada das escolas deportivas municipais. Tamén se clausurará a actividade municipal de zumba kids cunha exhibición na explanada fronte á biblioteca a partir das 12:30 horas.

Ofrecerase a posibilidade de practicar estes deportes de forma libre, dirixida e, no caso do baloncesto, na modalidade de competición en tiros libres e triples, para o que será preciso a inscrición previa no propio lugar do desenvolvemento da actividade. Tamén os clubs de chave terán o seu propio torneo durante a xornada.

Ademais, as propostas lúdico-deportivas que estarán a disposición dos asistentes serán a equitación, karts a pedais, escalada tobogán, ra, portería inchable, táboa de surf e barredora.

Durante toda a xornada haberá un stand informativo do Club de Salvamento Acuático Laracha (SAL) no que a entidade aproveitará para dar a coñecer a actividade que desenvolve.

O final está previsto para as 13:30 horas, momento no que se realizarán os sorteos dos premios doados polas empresas colaboradoras entre todas as persoas que participaron nalgunha das modalidades deportivas durante a mañá.