A Laracha | Celebrado un obradoiro infantil no Museo dos Muíños de Golmar

1 minutes read

«Facendo pan», así se chamou un obradoiro infantil que se realizou no Museo dos Muíños de Golmar coa participación dunha quincena de rapaces de idades comprendidas entre os 4 e os 8 anos. 

Constou de dúas fases. A divulgativa consistiu nunha visita comentada polo museo para coñecer a historia, xeografía, arquitectura, tradición e economía da época de maior importancia dos muíños de auga, así como o funcionamento dos seus diferentes mecanismos, incluíndo o visionado dun vídeo explicativo.

Na fase participativa cada neno amasou e preparou o seu propio bolo seguindo a receita que se explicou previamente. A continuación, coceuse no forno da Panadería Antonio, situada xunto ao museo. Finalmente explicáronse as diferentes partes do pan (codia, miolo, corrosco, codela, etc.).