José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, e Concha Iglesias, presidenta da Asociación de Comercio, Servicios e Industria da Laracha (ACSIL), rubricaron a renovación do convenio anual de colaboración entre ambas partes.
En virtude do mesmo, o Concello concede a ACSIL unha subvención nominativa de 2.500 euros –xa consignada nos orzamentos municipais- para cooperar nos gastos derivados da realización de actividades que contribúan a promocionar o comercio local e a fomentar o asociacionismo entre os establecementos do termo municipal.
Ademais desta achega económica, o alcalde trasladoulle á presidenta de ACSIL a plena disposición do Concello a continuar colaborando na organización e posta en marcha de calquera evento ou iniciativa dirixida a impulsar o pequeno comercio.
ACSIL conta actualmente con preto de sesenta socios dos diferentes sectores comerciais do Concello da Laracha. Aqueles profesionais que desexen asociarse á entidade deben poñerse en contacto con algún dos membros da súa directiva.