A Laracha | Concello e forzas de seguridade reúnense na mesa de traballo contra a violencia de xénero

1 minutes read
  • Abordáronse as altas e baixas do programa ATENPRO, o servizo telefónico de atención e protección ás vítimas de violencia machista

A mesa de traballo sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero, na que están representadas as forzas e corpos de seguridade, reuniuse este mércores no Salón de Plenos da Casa do Concello da Laracha. Por parte do goberno local acudiu a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López; a directora do Centro de Información ás Mulleres (CIM), Ana Aldao; o xefe da Policía Local, Víctor Vilanova; e tamén o comandante de posto da Garda Civil larachés, Miguel Rodríguez.

A de onte foi a primeira reunión desta mesa sectorial que se leva a cabo desde xaneiro de 2020 debido ás restricións pola pandemia.

A xuntanza comezou repasando os acordos da reunión anterior e revisando as ordes de protección. Tamén se abordaron as altas e baixas do programa ATENPRO, o servizo telefónico de atención e protección para mulleres que sofren violencia de xénero. Ademais, realizouse un seguimento do convenio entre o Ministerio de Interior e o Concello que supuxera a incorporación do corpo da Policía Local da Laracha ao sistema de seguimento integral dos casos de violencia de xénero (sistema VioGén).

O Concello mostrou o seu agradecemento a todos os sectores profesionais representados nas dúas mesas sectoriais sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero (tanto a celebrada onte como a educativo-sanitaria realizada a semana pasada) e a súa plena disposición para «traballar xuntos e facer fronte a esta lacra social».