A Laracha devolverá o importe da cota de inscricións en varias actividades

1 minutes read

Nova reunión da comisión municipal de seguimento ante alerta sanitaria do Covid-19 da Laracha, onde o principal acordo tomado foi establecer o procedemento para reintegrar o importe da cota de inscrición nas actividades culturais e deportivas do programa municipal iniciadas ou previstas a partir do 1 de xaneiro de 2020. Por tanto, esta medida afecta a determinados cursos que xa comezaran a impartirse e a todos os que non arrincaran aínda. En concreto, as actividades e cursos nos que se pode solicitar a devolución da cota de inscrición son aquagym, arte floral da parroquia de Golmar, bailes latinos, cociña, informática (iniciación á internet e paquete Office), obradoiro de repostería, pequecociña, pádel, robótica e programación, surf e tiro con arco.
As persoas que se anotaron nesas actividades deben cubrir o formulario que estará dispoñible desde mañá venres na web municipal (www.alaracha.gal) e presentalo por calquera das tres vías habilitadas polo Concello da Laracha: ben a través da sede electrónica, ben por correo electrónico ou ben presencialmente no rexistro central do Concello partir do luns solicitando cita previa.