A Laracha | Escachadas 9 balizas de alumeado público en Caión nun novo acto vandálico

1 minutes read
  • Os feitos sucederon esta fin de semana entre a praza Eduardo Vila Fano e o acceso á praia.
  • O Concello estima que unha nova instalación custará 4.000 euros que sairán das arcas municipais.

A Policía Local da Laracha investiga o acto vandálico que se produciu na noite do pasado sábado no paseo marítimo de Caión, onde esnaquizaron nove balizas do alumeado público. Os axentes piden a colaboración dos cidadáns para tratar de esclarecer estes feitos que se produciron durante a celebración das festas de Corpus e do Carme nun tramo entre a praza Eduardo Vila Fano e o acceso á praia.

Desde o Concello lamentan «profundamente o sucedido» e estiman que a instalación doutras novas balizas suporá un desembolso de 4.000 euros para as arcas municipais.

Este non é un feito aillado, posto que nos últimos meses en Caión tiveron lugar diversos actos deste estilo como a queima de contedores de lixo e o roubo de varios amarres de colectores.