A Laracha festexa o Día das Bibliotecas

1 minutes read

Este xoves celebrouse o Día das Bibliotecas, data que ten por obxectivo final trasladar á opinión pública a importancia destas instalacións como lugares de encontro coa cultura por parte dos lectores de todas as idades, así como mostralas como un instrumento que ofrecen as administracións para mellorar a formación persoal, a educación e a convivencia humana.

En conmemoración desta data, a biblioteca da Laracha acolle desde este xoves unha exposición de libros e tamén unha novidosa iniciativa dirixida aos usuarios de préstamo e consulta: ata mediados de decembro poderán depositar nunha caixa un papel co título do libro máis lles gustou dos que leron durante este ano 2019.

Con esta medida trátase de animar aos xa usuarios das bibliotecas municipais (tanto a da Laracha como as de Paiosaco e Caión) a continuar beneficándose destes servizos e lembrar ás persoas que aínda non son socias que teñen a posibilidade de facer o carné de xeito gratuíto e, deste xeito, acceder a toda a colección de títulos bibliográficos, material audiovisual e tamén navegar por internet de xeito gratuíto na propia biblioteca.