- A celebración desenvolverase na fin de semana do 2 e 3 de xullo.
A celebración gastronómica de maior relevancia e tradición da Laracha, a Festa das Cereixas de Paiosaco, celebrarase na fin de semana do 2 e 3 de xullo. O Concello –co alcalde, José Manuel López Varela, e os concelleiros Patricia Bello e Ramiro Bello- e a Comisión de Festas de Paiosaco presentaron o programa nun acto celebrado no campo da feira.
A Deputación tamén colabora neste evento que comezará o 2 de xullo co VII Aberto das Cereixas de billarda que organiza o Club Billarda Campo da Feira. Pola noite haberá verbena amenizada polo Grupo Studio e os DJ’s Cotton & Yuni.
O domingo 3, día propio da Feira das Cereixas (declarada de Interese Turístico de Galicia), será unha xornada moi especial ao contar coa actuación de Guadi Galego (22.00 horas). Ademais, os visitantes desfrutarán desde o mediodía do espectáculo da escola de samba Malandros para, a partir das 19:00 horas, gozar da música e baile tradicionais galegos da man da Asociación Cultural Queiroga de Paiosaco.