A intervención consiste en continuar o trazado das beirarrúas existentes nese lugar, xa que un tramo carecía delas, para favorecer o tránsito peonil. Para iso é necesario trasladar uns metros tanto a marquesiña existente no cruce como o paso de peóns, que será elevado para aumentar a seguridade. Inclúese a correspondente sinalización horizontal e vertical.
O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Obras, Pablo Cambón, mantiveron este sábado un encontro co responsable da empresa adxudicataria para interesarse polo inicio das obras.
Este proxecto inclúe outra intervención que se realizará a continuación. Neste caso afecta ao lugar das Torres de Cillobre, a carón do núcleo urbano da Laracha, e tamén contempla dar continuidade ás beirarrúas existentes, renovar a superficie de rodadura dos vehículos, ordenar o espazo libre sobrante e dotar á zona cunha área verde de descanso.
O investimento superará en total os 48.000 euros.