O BNG de Carballo defenderá no pleno do luns o avance da ampliación do polígono de Bértoa e da circunvalación

1 minutes read
Rotonda na AC-552, conexión co polígono de Bértoa e coa futura circunvalación.

O BNG pide que ambas actuacións avancen de maneira coordinada, cun calendario concreto e co financiamento necesario para a súa execución, considerando que as dúas están directamente relacionadas. A ampliación permitirá incrementar o solo empresarial dispoñíbel, mentres que a circunvalación mellorará as conexións do parque coas principais vías de comunicación e permitirá retirar unha parte importante do tráfico pesado do núcleo urbano.

A iniciativa chega ao pleno nun momento no que os dous proxectos rexistraron avances administrativos. No caso de Bértoa, o ámbito da ampliación abrangue unha superficie próxima aos 630.000 metros cadrados e en 2026 iniciouse o procedemento de expropiación. Pola súa banda, a primeira fase da circunvalación, duns 3,6 quilómetros, conta xa coa aprobación definitiva da aliñación e coa declaración de utilidade pública.

“Xa non estamos ante proxectos que teñan que ser anunciados ou planificados. Os trámites avanzaron e agora é necesario saber que se vai facer, cando, con que investimento e con que consignación económica en cada anualidade”, sinala o voceiro municipal do BNG, Xosé Regueira.

A moción pon especial atención nos próximos Orzamentos da Xunta e reclama que incorporen partidas suficientes e unha programación plurianual que permita cumprir os prazos previstos.

O texto propón catro acordos: elaborar un cronograma integral e verificábel para ambas actuacións; garantir a súa planificación e execución coordinada; incluír nos próximos Orzamentos autonómicos o financiamento necesario, e convocar de inmediato a mesa de seguimento co Concello de Carballo e co tecido empresarial de Bértoa.

Para o BNG, ampliación e circunvalación deben entenderse como un único paquete de infraestruturas estratéxicas para o desenvolvemento económico, a mobilidade e a seguridade viaria de Carballo e de Bergantiños.

“Carballo leva anos agardando, as empresas levan anos reclamando e os trámites avanzaron. Agora toca executar”, conclúe Regueira.