A Laracha | Multado con 3.000 euros o propietario dunha parcela en Paiosaco por incumprir a Lei do Solo

1 minutes read
  • O Concello procederá á limpeza do terreo e os gastos deberá asumilos o titular do mesmo

O Concello da Laracha acometerá, de maneira subsidiaria, a limpeza dunha parcela privada situada no núcleo urbano de Paiosaco debido ao caso omiso do seu propietario ante a obriga de conservar en bo estado o terreo. Tal e como sinalan desde o Goberno local, dita finca «foi obxecto de tres informes da Policía Local, notificándose primeiro ao propietario a obriga de xestionar a biomasa ante a abundante maleza que presentaba». A continuación impúxoselle unha «multa coercitiva de 3.000 euros como medio de execución forzosa». Sen embargo, en vista de que esta persoa «persistiu no incumprimento, déuselle conta da execución subsidiaria deses traballos polo Concello, cuxo custo deberá asumir o titular da parcela».

O Goberno larachés agradece á veciñanza a súa implicación e sensibilización coas obrigas expresadas na Lei do Solo de Galicia -que establece o deber legal dos propietarios dos terreos situados en zonas urbanas de mantelos ao longo de todo o ano en bo estado de conservación-, na Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia e na Lei de Montes de Galicia, fixando estas dúas as distancias mínimas nas plantacións forestais.

«Por norma xeral ditos labores (de conservación) se acometen en tempo e sen necesidade de requirimentos previos», destacan desde a Alcaldía, sen embargo vólvese a incidir en que aqueles propietarios que incumpran a normativa poderán «ser sancionados con multas coercitivas de entre 1.000 e 10.000 euros como medio de execución forzosa para que procedan a dar cumprimento das súas obrigas».