A Laracha participa no terceiro evento europeo sobre a crise migratoria

2 minutes read
  • Este venres o alcalde larachés e as dúas concelleiras que o acompañan coñeceron diferentes centros de acollida de inmigrantes

O Concello da Laracha está a participar no terceiro evento do proxecto europeo Fortalecendo unha Europa solidaria en tempos de migración que se desenvolve en Malta. A temática deste programa céntrase en acadar respostas á crise migratoria que se vive actualmente en Europa desde «os valores da comprensión, a integración e a creación de novos puntos de vista para comprendela e afrontala», destacou o rexedor larachés, José Manuel López Varela, que se atopa en Malta coas concelleiras Rocío López e Adelina Liste. Neste proxecto participan 20 municipios e entidades de 19 países europeos diferentes baixo o liderado do concello larachés.

A primeira toma de contacto entre os socios fora precisamente na Laracha no ano 2019. En febreiro de 2020 tivo lugar a segunda na cidade lituana de Kaunas, centrada na problemática migratoria nas zonas fronteirizas da Unión Europea coas repúblicas soviéticas. Despois do aprazamento por causa da pandemia, este ano o programa retomouse en Malta a través dun evento que se prolongará durante toda a fin de semana e no que ser abordarán os problemas derivados da crise humanitaria no mar Mediterráneo.

Este venres os representantes da Laracha foron recibidos polo anfitrión, David Schembri, alcalde do municipio de Qrendi. Durante a xornada puideron coñecer os diferentes centros de acollida de inmigrantes, afondando na problemática da súa chegada masiva e os procedementos que se seguen desde que arriban en pateras á costa maltesa. Os socios do proxecto tamén asistiron ás ponencias ofrecidas por Alexander Tortell, xefe da oficina de integración, e Glen Cachia, o responsable de reunificación familiar da Cruz Vermella de Malta.

O proxecto Fortalecendo unha Europa solidaria en tempos de migración está financiado integramente pola Unión Europea no marco do programa Europe for Citizens. Os últimos eventos serán en Croacia a finais de novembro e en Venecia a principios do ano 2022.