A Laracha presentará á Xunta un proxecto para renovar a fachada do local da Ínsua, en Caión

1 minutes read
  • O Concello tamén pretende acollerse ao programa da Deputación para contratar un axente de igualdade

A Xunta de Goberno Local da Laracha celebrou este xoves unha sesión ordinaria e acordou solicitar a cooperación económica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia para o cofinanciamento do proxecto de mellora exterior do local municipal existente na Ínsua, na vila de Caión. A intervención deseñada polo Concello contempla a completa renovación das fachadas exteriores e está valorada nuns 25.000 euros.

A solicitude de subvención faise ao abeiro da convocatoria de axudas do Instituto de Estudos do Territorio para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a concellos de Galicia.

Tamén se acordou solicitar a participación no programa de subvencións da Deputación da Coruña para o financiamento da contratación dun axente de igualdade. As súas funcións centraríanse na organización, planificación, intervención e realización de proxectos sobre a promoción da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e a prevención da violencia de xénero.