A Laracha e Carballo reciben cada quen tres flores de honra no certame ‘Vilas en Flor’

3 minutes read
  • Tamén recibiron dúas Flores de Honra os concellos de Coristanco e Ponteceso.

O Concello da Laracha foi galardoado con tres Flores de Honra no certame Vilas e Flor, cuxa gala tivo lugar este venres na localidade pontevedresa de Tomiño. O tenente alcalde e concelleiro de Medio Ambiente, José Ramón Martínez Barbeito, representou á Laracha no acto e recolleu o diploma acreditativo de mans de Enrique de Salvador, director do Instituto de Estudos do Territorio.

O Concello incrementa, así, de dúas a tres as Flores de Honra concedidas o ano pasado por primeira vez neste certame impulsado pola Fundación Juana de Vega en colaboración coa Asociación de Viveristas do Noroeste (ASVINOR) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (AGAEXAR).

A Laracha obtén o distintivo polo traballo desenvolvido desde o Concello en diferentes áreas relacionadas coa xestión medioambiental en eidos como a conservación de espazos naturais, parques e xardíns, iniciativas para a recuperación de áreas de alto valor natural (Ribeira de San Fins e área verde do parque empresarial a través do proxecto Alanat), a xestión dos residuos e do ciclo da auga, a calidade dos equipamentos e mobiliario urbano, os programas dirixidos ao aforro enerxético, o uso turístico dos espazos verdes e as iniciativas relacionadas coa implicación da cidadanía por medio do voluntariado medioambiental. Vilas en Flor naceu en 2018 coa finalidade de poñer en valor a riqueza natural e paisaxística de Galicia. A iniciativa pretende a mellora estética e funcional do territorio mediante o recoñecemento público daquelas actuacións medioambientais enriquecidas con obras de axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúdicos. Deste xeito, os Concellos son recoñecidos pola súa contribución ao desenvolvemento local a través da paisaxe, xerando actividade do propio sector da planta ornamental e da xardinería, así como un aumento de visitas turísticas. De feito, existen rutas específicas para os concellos que participan neste tipo de programas, construíndo así unha marca recoñecida e de calidade local.

CARBALLO

O importante esforzo que se vén realizando en Carballo nos últimos anos para ampliar e manter as zonas verdes nas mellores condicións vén de recibir tamén a súa recompensa. Na súa segunda participación, o Concello de Carballo volveu ser galardoado con 3 Flores de Honra no certame Vilas en Flor, en recoñecemento, precisamente, polo traballo realizado na mellora do espazo verde urbano. No acto de entrega, celebrado este venres en Tomiño, participou o concelleiro de Medio Ambiente e Servizos, Miguel Vales.

Vilas en Flor Galicia é un programa anual que recoñece en forma de galardóns, chamados Flores de Honra, a traxectoria e as accións levadas a cabo polos municipios galegos na mellora e potenciación dos espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna.

Tamén recibiron dúas Flores de Honra os concellos de Coristanco e Ponteceso.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?