As casas das parroquias de Vilaño e Cabovilaño, na Laracha, contarán con novas placas de numeración

1 minutes read
  • O Concello iniciará a instalación esta semana para, posteriormente, continuar por Torás e Lestón

O Concello da Laracha acometerá nos vindeiros días os traballos de instalación das placas coa numeración definitiva nas preto de mil vivendas situadas nas parroquias de Vilaño e Cabovilaño. En cada casa será colocado un indicador no que se identifica a parroquia, o núcleo exacto e o número definitivo no padrón municipal.

A instalación destas placas é o colofón dunha iniciativa impulsada polo goberno local dirixida a recuperar a totalidade dos topónimos, o que tamén implica unha renumeración das vivendas do rural regresando ao ordenamento antigo dos anos noventa.

En concreto, serán 18 os tóponimos que se recuperarán na parroquia de Vilaño (A Lamela, A Barreira, As Fervenzas, Fornelos, O Seixo, Samiro, Vista Alegre, As Avieiras, As Brañas da Viña, O Reigoso, Padrón, A Piña, Vilanova, O Pereiro, As Calzadas, A Telleira, O Pino e Bos Aires) e 24 na parroquia de Cabovilaño (O Agriño, O Cancelo de Arriba, O Cancelo do Medio, O Cancelo de Abaixo, O Chamusco, A Bragueixa, O Piñeiro, A Cacharra, A Torre, A Vixía, As Abeleiras, A Casanova, O Cuartel, O Salgueiral, O Vilar, O Carredo, O Castro, Os Mouriños, Trasande, Fermelle, A Fraga, As Ribas, A Barreira e A Costa).

Este proxecto xa se desenvolveu nas parroquias de Caión, Coiro e Montemaior. Despois de Vilaño e Cabovilaño, as seguintes parroquias serán Torás e Lestón para, posteriormente, realizar os mesmos traballos en Lemaio, Erboedo, Golmar, Soutullo, Soandres e Lendo.