- As actuacións desenvolveranse na parte alta do lugar co obxectivo de aumentar o caudal da traída e a presión da auga
O Concello da Laracha iniciará nos próximos días o proceso de contratación do proxecto dirixido a reforzar o servizo de abastecemento de auga potable na zona alta da parroquia de Cabovilaño. A actuación ten por finalidade aumentar o caudal da traída da rede que abastece ás vivendas situadas en Nogán, Cardois, Xeriz e A Teixoeira. Segundo sinalan desde o goberno local, neses núcleos detectouse que a auga é insuficiente cando se producen os picos de maior consumo na época estival.
Esta problemática resolverase coa instalación dun bombeo equipado cun variador de frecuencia que permitirá, de modo automático, adaptar as condicións do subministro ás necesidades que se presenten en cada momento, garantíndose así a prestación do servizo durante todo o ano. A execución do proxecto será financiada integramente con fondos propios municipais.
Paralelamente, o Concello ten en fase de estudo e análise outras localizacións rurais nas que se mellorará e ampliará o abastecemento. Neste sentido, a próxima construción de novos depósitos de cabeceira coa colaboración da Xunta de Galicia a través de Augas de Galicia –cun investimento previsto de 1.850.000 euros entre 2022 e 2023- permitirá nun futuro a medio prazo ampliar notablemente a cobertura deste servizo.