A Laracha xa conta con 11.606 habitantes, 188 máis que o ano pasado

1 minutes read
  • A parroquia de Torás é a que conta co maior número de censados, 4.061

O Concello da Laracha superou a barreira dos 11.600 habitantes. Segundo os datos do padrón municipal, a día de hoxe hai 11.606 persoas residentes no termo municipal, o que supón un incremento de 188 con respecto á cifra rexistrada hai algo máis de un ano, o 14 de marzo de 2020, cando se declarou o primeiro estado de alarma debido á pandemia do coronavirus. Desde esa data rexistráronse 491 altas (409 por cambio de residencia e 69 por nacementos) e 303 baixas (192 por cambio de residencia e 94 por defuncións).

Desa cifra total, o 50,80 % son mulleres (5.896) e o 49,20 % son varóns (5.710). Na pirámide poboacional reflíctese que a franxa de idade con maior número de habitantes é a que vai dos 40 aos 49 anos, con 2.076 persoas. Ademais hai 851 nenos menores de dez anos de idade e catro persoas superan o século de vida (tres mulleres e un varón).

Por parroquias, as catro que contan con maior número de habitantes son Torás (4.061), Lestón (1.370), Cabovilaño (1.139) e Caión (849). Ademais, entre a poboación larachesa hai 332 habitantes procedentes de 37 países estranxeiros diferentes, estando á cabeza Marrocos (69 persoas), Portugal (50), Brasil (27) e Italia (16).