A maioría dos actos municipais da fin de semana xirarán ao redor do 25N

6 minutes read

O Concello de Cabana de Bergantiños celebrará este venres, 24 de novembro, unha xornada conmemorativa do Día Mundial da Eliminación da Violencia Contra a Muller con diferentes actividades culturais para reivindicar a loita contra a violencia machista. O acto dará comezo ás 11:00 horas con Clara Ferrao e o seu espectáculo de danza Miña Xoia. A continuación, o grupo cabanés Son de Cabana fará unha lembranza ás mulleres que deixaron unha pegada importante na vida de cada unha delas. A programación contará tamén cunha lectura poética por conta de Matilde Vilariño, representacións teatrais da escola de teatro municipal e intervencións de Rosalía Fernández, Icía do Manso, Irma Macías e representantes da Asociación Íntegro. Finalmente farase entrega dun agasallo a todas as persoas participantes na xornada. Desde o goberno local convidan a asistir a unha xornada “coa que a través do talento cabanés e da contorna, queremos visibilizar e reivindicar a loita contra unha das grandes lacras sociais como o é a violencia machista”.

O Concello de Muxía conmemora o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller a través dun programa de actividades educativas e culturais, co principal obxectivo de concienciar e facer fronte ás violencias machistas. Así, do 21 ao 27 deste mes procederase á iluminación de cor morado da Casa Consistorial en recordo a todas as vítimas desta lacra social. O venres 24 de novembro, ás 12:00 do mediodía, realizarase unha concentración diante do Concello, aberta a toda a veciñanza na que tamén participará o alumnado do IES Ramón Caamaño e deportistas muxianas contra a violencia no deporte. Ao acto asistirán o alcalde, Iago Toba, e a concelleira de Igualdade, Olalla Benlloch, que lerá o manifesto institucional. Dentro deste compendio de actividades, o mesmo venres, María Angélica Torres realizará unha charla sobre agresións e violencia sexual ao alumnado de 3º e 4º da ESO do IES Ramón Caamaño. Este faladoiro está financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade no marco das accións dirixidas á Rede de entidades locais contra a violencia de xénero. Un ano máis, o Concello adheriuse á Campaña DE FRONTE á violencia de xénero que fomenta a Deputación da Coruña.

O Concello de Camariñas únese tamén á conmemoración do 25 de novembro cunha serie de actividades orientadas a promover a igualdade, a diversidade e a prevención das violencias machistas. A primeira delas xa tivo lugar no Instituto Pedra da Aguia. Consistiu nunha charla ao alumnado de 2º e 3º da ESO, na que os participantes comprenderon a importancia da igualdade e coñeceron como construír unha sociedade máis xusta e inclusiva. O venres, 24 de novembro, ás 11 da mañá, celebrarase o Pleno Xuvenil en Igualdade na casa do concello. Os alumnos e alumnas de 6º dos colexios O Areal e Ponte do Porto e os de 2º e 3º da ESO do IES Pedra da Aguia formularán diferentes propostas e demandas. Estas serán en prol de mellorar a igualdade e previr as conductas machistas no territorio municipal, que serán escoitadas pola alcaldesa, Sandra Insua, e polo resto de concelleiros da corporación municipal. A programación culminará o propio sábado, 25 de novembro, ás 19 horas na Casa de Pedra. O acto ‘Voces contra as violencias machistas’ será un espazo onde se alce a voz contra a violencia á muller. Nel colaborarán o coro Brisas do Mar de Camariñas, o Coro Ategal de Santiago de Compostela e a Coral Polifónica Abraira de Rianxo.

O vindeiro 25 de novembro, no Edificio de Servizos Múltiples de Coristanco, desenvolverase un acto para debater sobre o aporte específico das mulleres no medio rural e a necesidade de dar visibilidade a feminización deste. Contará coa presenza de grandes protagonistas para así coñecer en primeira persoa, o traballo realizado no eido rural para o avance cara a unha igualdade efectiva. Nun acto moderado por Luis García, Director da EFA de Galicia. O Coloquio procurará determinar os obstáculos que hai que vencer para lograr a igualdade de xénero, a proposta de iniciativas e accións para o futuro e o impulso e creación de redes de traballo de emprendedoras que desenrolan a súa actividade no medio rural. 

Un ano máis, Mazaricos celebra o 25-N, Día Internacional pola Eliminación da Violencia Contra as Mulleres, cunha programación con actividades enfocadas a distintas idades. O teatro e os obradoiros para a mocidade serán novamente ferramentas coas que visibilizar a situación das mulleres, o impacto da violencia de xénero e a nosa responsabilidade como sociedade para acadar unha igualdade real e rematar coa violencia contra a muller. O domingo 26 de novembro, o grupo de teatro da asociación O Xeito representa a obra “Ám@te”. Trátase dunha reflexión sobre a nosa realidade e un convite a pensarmos e repensarmos como rematar coa violencia de xénero. Será ás seis da tarde na Casa de Cultura na Picota. Cando remate a función, repartirase entre o público asistente material da campaña contra a violencia. Durante toda esta semana, os centros de ensino mazaricáns están acollendo obradoiros de actividades para a mocidade onde se identifican e recoñecen actitudes e comportamentos relacionados coa violencia de xénero. A concienciación das xeracións máis novas é un importante paso no camiño da igualdade. Ademais, o Concello amosa a súa adhesión ás actividades institucionais por esta data pendurando na fachada da casa consistorial o material da mesma durante a fin de semana.

O Concello de Laxe organiza para este 25 de novembro un obradoiro de igualdade para nenos e nenas e unha concentración para ler o Manifesto contra a violencia de xénero diante da Casa do Concello. O taller celebrarase no local social Valle Inclán, desde as 10:30 horas ata as 12:30 horas, onde realizarán diferentes manualidades con temática de igualdade e en contra da violencia de xénero. Non será necesaria inscrición e poderán participar mozos e mozas de calquera idade. A continuación os participantes no obradoiro desprazaranse ata a Casa do Concello, onde se realizará un acto público para a lectura do Manifesto en contra da violencia. Desde o Concello de Laxe animan a todos e todas, veciñanza e visitantes a formar parte deste acto de lectura do manifesto en contra da violencia de xénero este 25 de novembro.

En Malpica, con motivo do Día Internacional contra a Violencia cara a Muller, a Concellaría de Igualdade convoca a todos e todas á lectura do manifesto o vinderio 25 de novembro, ás 12 horas, na Praza Villar Amigo.

En Ponteceso, o colectivo Feminismo en Pé convoca unha concentración con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. «En contra do que nos gustaría observar, cada vez vemos con maior preocupación como esta lacra social non só segue presente se non que medra e atopa perigosas alianzas nos discursos que negan a súa existencia ou, o que é peor, que a xustifican poñendo o foco e responsabilizando ás vítimas.Deste xeito, saímos á rúa, a denunciar, visibilizar e reivindicar, este 25N, ás 13:00h na Praza do Recheo de Ponteceso», conclúen.