A meteoroloxía e o clima, protagonistas das terceiras xornadas científicas no Dolmen de Dombate

2 minutes read
  • O contido das mesmas estará dispoñible na Internet a partir do 10 de setembro

A meteoroloxía e o clima centrarán as terceiras xornadas das aulas científicas A Luz da Ciencia que se desenvolverán no Dolmen de Dombate esta fin de semana. O contido estará accesible ó público a partir do 10 de setembro na web da Deputación da Coruña e tamén na do Concello de Cabana.

O deputado de Contratación e Patrimonio, Xosé Luis Penas; o alcalde de Cabana, José Muíño e o físico e catedrático da USC e director das aulas, Jorge Mira, participaron este martes nunha rolda de prensa desde o centro arqueolóxico de Dombate, onde deron a coñecer a programación desta terceira edición na que participarán varios expertos e divulgadores.

Mabel Montes Rama, presentadora do informativo meteorolóxico na Televisión de Galicia, explicará como é ‘Contar o tempo pola tele’ mentres que Juan Taboada Hidalgo, coordinador de MeteoGalicia, afondará nas particularidades climáticas da nosa comunidade con ‘De onde vén a riqueza meteorolóxica de Galicia? Explicación dos numerosos microclimas galegos’. Tanto Mabel Montes como Juan Taboada participarán nunha mesa redonda con Jorge Mira onde debaterán ‘Como será a información meteorolóxica do futuro?’.

Estas terceiras aulas científicas contarán tamén coa achega de Susana Bayo Besteiro, investigadora no EPhysLab da Universidade de Vigo e directora e presentadora de El Tiempo en Telemiño e o xornal La Región, coa sesión ‘A pelexa da ciencia contra o cambio climático’. Xavier Fonseca Blanco, xornalista científico de La Voz de Galicia, aportará respostas na súa intervención ‘Está o tempo tolo? Non, a culpa é do Jet Stream’. Ambos expertos sumaranse a Jorge Mira noutra mesa redonda onde analizarán ‘O cambio climático que nos vén enriba’.

O deputado de Contratación e Patrimonio, Xosé Luis Penas, destacou a importancia «dunhas xornadas que comezaron para quedarse en Cabana, na capital do megalitismo galego», mentres que o rexedor de Cabana insistiu en que estas xornadas xa «son referencia a nivel científico en todo o país».