A música de tradición oral chegará a Malpica da man de Carmela, dentro do programa FalaRedes

1 minutes read

O venres 8 de agosto, ás 20:30 horas, o Paseo da Praia de Malpica será o escenario da actuación de Carmela, un proxecto musical que pon en valor a tradición oral galega a través do canto e da percusión de man, elementos centrais da súa proposta artística.

Carmela aposta por recuperar e reinterpretar a música tradicional galega desde unha perspectiva contemporánea. O seu repertorio nace do traballo de campo con informantes e da investigación en arquivos sonoros, co obxectivo de trasladar aos escenarios a esencia das melodías populares, incorporando criterios estéticos actuais e un enfoque contextual e reflexivo.

O proxecto combina investigación etnomusicolóxica, interpretación e arranxo musical, concibindo a tradición como un patrimonio vivo, dinámico e adaptábel ao presente, sen perder a súa raíz nin autenticidade.

Esta actividade enmárcase no programa FalaRedes, impulsado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, e conta coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños, que continúa a apoiar propostas culturais que promovan o uso da lingua galega e a posta en valor da identidade musical do país.