Esta fin de semana disputouse na piscina Carballo Calero de Carballo e na praia de Razo o “Campeonato de España de Salvamento y Socorrismo por Comunidades Autónomas”.
Formaban parte do combinado galego os deportistas do Club Salvamento Acuático Laracha (SAL) Borja Diez García e Noelia Loureiro Serrano. Os dous tiveron un importante papel para a selección autonómica logrando unha gran cantidade de puntos cos seus bos resultados, que detallamos a continuación.
Na piscina, os dous realizaron mellores marcas persoais en case todas as probas nas que tomaron parte, sendo moi destacable pola parte de Borja o tempo de 2:10:11 na proba 200m natación non obstáculos, e por parte de Noelia o Récord Galego Absoluto na proba 100m combinada de salvamento con un tempo de 1:18:41 (sendo o anterior 1:20:41), o Récord Galego Xunior na proba 100m socorrista con un tempo de 1:04:74 (sendo o anterior 1:04:75), e o RÉCORD DE ESPAÑA JUNIOR NA PROBA 100m RESCATE DE MANIQUÍ CON ALETAS con un tempo de 0:57:01 (sendo o anterior 1.01.88) logrando así a medalla de PRATA.
En canto á praia o seu papel en probas individuais foi máis discreto, pero foron moi relevantes nas probas de relevos logrando Noelia a medalla de OURO formando parte do relevo na proba sprint praia, e Borja conseguindo un BRONCE co seus compañeiros na proba salvamento con tubo de rescate e unha PRATA na proba rescate con táboa.
Con estes resultados e os dos seus compañeiros, conseguiron colocar á Selección Galega nunha meritoria 5ª posición nacional.