A NASA investiga un posible delito no espazo

1 minutes read

A NASA investiga se unha dos seus astronautas puido cometer un delito de roubo de identidade e acceso indebido a uns rexistros financeiros privados. Esta investigación sería unha de moitas se non fora pola localización desde a que a sospeitosa puido cometer este delito, xa que ao parecer os feitos producíronse na Estación Espacial Internacional.

A presunta autora deste roubo de identidade é Anne McClain, astronauta condecorada da NASA nunha misión de seis meses a bordo da Estación Espacial Internacional e que estaba a piques de formar parte da primeira andaina espacial feminina da NASA.

A persoa denunciante é a súa ex muller, quen ao notar estraño que McClain coñecese moitos dos seus movementos financeiros, decidiu acudir ao seu banco para pescudar que pasaba. Alí informáronlle de que accederan á súa conta bancaria desde computadores que pertencían a unha rede informática rexistrada na Administración Nacional de Aeronáutica e do Espazo.

A través do seu avogado McClain recoñeceu os feitos. Asegura que accedeu á conta bancaria desde o espazo, pero di que o fixo simplemente para supervisar como ían as finanzas xa que a parella segue tendo unha conta conxunta.

Por agora estase investigando o caso pero, de ser certo, estariamos ante o primeiro delito cometido no espazo.