A nova lei de reactivación achegará maior axilidade na tramitación de proxectos empresariais

1 minutes read

Asi llo transmitiu o vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, a Juan Manuel Vieites, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), nunha xuntanza que mantiveron para seguir abordando co tecido empresarial as medidas de reactivación da economía galega. Avaliaron as novidades da Lei de simplificación administrativa e reactivación económica de Galicia que, entre outras cuestións, outorgará aos proxectos tractores
–incluídos os seleccionados para optar aos fondos europeos– unha maior axilidade na tramitación e seguridade xurídica ao ser consideradas iniciativas industriais estratéxicas.

O vicepresidente económico explicou que a nova normativa busca xerar estabilidade e confianza no tecido empresarial, cun cambio na cultura administrativa que incide na simplificación administrativa e no apoio ao investimento.

No encontro tamén se abordou a oportunidade que supoñen os fondos europeos e Conde trasladou que a Xunta formará parte da sociedade público-privada encargada de madurar os proxectos finais que se vaian desenvolver ao abeiro dos fondos Next Generation.
O obxectivo é que, liderada pola iniciativa privada e apoiada polo Goberno galego, sirva como instrumento para impulsar as propostas que se seleccionen como candidatas a proxecto tractor, apoiando a busca de investidores e a planificación estratéxica de cada iniciativa.