A Xunta de Galicia licitou as obras para a construción da nova planta de transferencia de Cee, que virá a substituír á actual situada no Monte do Son, no mesmo municipio.
Trátase dunha planta que poderá transferir máis de 12.000 toneladas ao ano de residuos ao complexo medioambiental de Sogama e que prestará servizo aos concellos de Cee, Corcubión e Fisterra; pero podéndose ampliar ao outros próximos.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou os terreos do parque empresarial que acollerá esta nova instalación, á que se destina un orzamento de case 2 millóns de euros para a súa posta en marcha. Estivo acompañada da alcadesa de Cee, Margarita Lamela, así como dos alcaldes de Corcubión e Fisterra, Manuel Insua e José Marcote, respectivamente.
Despois da adquisición de máis de 4.500 m2 de solo, a Consellería licita as obras da nova planta de transferencia coa que se mellorarán as prestacións, capacidade e calidade do servizo, xa que a actual planta ademais de ser máis pequena presenta limitacións técnicas e operativas, incluso a nivel de accesibilidade para os camións de recollida do lixo.
Vázquez Mejuto salientou que a nova instalación de Cee forma parte dunha rede planificada pola Xunta con criterios de eficiencia, sustentabilidade e eficacia, formada por 17 instalacións grazas ás que un total de 283 concellos (máis de 2,1 millóns de habitantes) disporán dunha planta de compostaxe ou ben dunha planta de transferencia a menos de 50 quilómetros de distancia.