A oposición da Laracha pide a implementación dun servizo de grúa no concello

1 minutes read

Xoán M. Sande Muñiz, Portavoz do Grupo Municipal do BNG da Laracha, e Mª Palomi Rodríguez Castiñeiras, Portavoz do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE da Laracha, afirmaron nun comunicado conxunto facerse eco dunha das demandas veciñais que se veñen realizando desde hai anos, polo que levarán ao próximo pleno ordinario da Corporación a demanda da implementación dun servizo de grúa no concello.

Ambas as formacións afirman que se trata dunha demanda que «xa foi levada en anteriores ocasións ao Pleno, sendo rexeitada polo grupo maioritario do Partido Popular».

Ademais coinciden en que «non é de recibo que as persoas que están a pagar unha taxa para que non se ocupen as entradas dos seus garaxes, se vexan na situación de non poder saír (aínda que se trate dun caso de urxencia) cando alguén ocupa esa entrada xa que aínda que se chame á Policía Local o único que pode facer é sancionar o vehículo pero non se pode proceder á retirada ao non dispor o concello do servizo de grúa», conclúen.