A oposición ve unha irresponsabilidade histórica ir votar en xullo

1 minutes read

Un dos primeiros en pronunciarse foi o portavoz de Galicia en Común – Anova Mareas, Antón Gómez Reino, quen cualificou a convocatoria electoral como unha «irresponsabilidade histórica», con vidas en risco, atribuída á «ambición política e persoal do líder do PPdeG».

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mostrouse desconforme co presidente da Xunta ao «impoñer» un calendario electoral que os galegos non comparten. A pesar disto, o dirixente socialista considera que a súa formación está «preparada» para levar a Galicia cara a «un proxecto de compromiso coa sanidade pública, o estado do benestar e unha política de reconstrución ao servizo da cidadanía para que ninguén quede na cuneta na saída desta crise».

A líder do BNG, Ana Pontón, insistiu no seu rexeitamento ás eleccións en xullo e pediu dous debates de líderes para que todas as forzas políticas poidan trasladar as súas propostas.