- En Santiago hai un total de 46 denuncias, 29 delas xa tramitadas, e a maioría son circular sen un motivo ou xustificación
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, anunciou este luns varios acordos para facer fronte a crise económica provocada polo COVID19, entre eles a gratuidade, a partir de mañá martes, de todas as zonas ORA do termo municipal, excepto os aparcamentos situados na contorna da Praza de Abastos. En total manteranse 101 prazas de pago, 17 delas de uso compartido para carga e descarga, nas zonas de Virxe da Cerca, Travesía da Universidade, Fonte Seca, Entrepraciñas, praza da Universidade, Mazarelos e San Fiz de Solovio.
Segundo explicou o alcalde, a ORA foi un asunto que se tratou na Xunta de Voceiros do pasado venres, e alí, dixo, » asumín o compromiso de que avalariamos o seu funcionamento nas zonas que estaba funcionando», e en función diso tomamos hoxe a decisión de liberar estas prazas, a excepción das que están próximas ao Mercado de Abastos, «porque segue funcionando e precisa de espazos de aparcamento próximos para aquelas persoas que queren acceder» para mercar.
Adquisición de alimentos
Tamén se adoptou un acordo para facilitar a adquisición de produtos alimenticios por parte das familias que se atopan en situación de vulnerabilidade social. Ás persoas que vivan soas facilitaráselle un vale quincenal por valor de 50 euros. Para as unidades familiares de dúas ou máis persoas, ese vale é de 50 euros á semana.
Continuidade de servizos municipais
O alcalde tamén explicou que se deron ordes de continuidade a diferentes servizos municipais, que se prestarán nas «condicións que sexa posible facelo». Entre eles, conserxería e limpeza dos centros de educación infantil e primaria, as escolas infantís, Escola Municipal de Música e o Centro Xove de Creación Cultural; o servizo de lacería; ou o servizo de mantemento, vixilancia e limpeza de campos de fútbol e instalacións deportivas.
Denuncias
Bugallo tamén sinalou que o número de denuncias en Santiago alcanzaba as 46, das cales 29 estaban tramitadas. «Basicamente, os feitos denunciados corresponden a persoas que estaban circulando sen acreditar un motivo razoable e xustificado, e a tres vehículos que estaban nas mesmas condicións», aclarou o rexedor.