A parella de Feijóo Eva Cárdenas entra no negocio do ladrillo

1 minutes read

A exdirectora de Zara Home Eva Cárdenas constituíu unha sociedade chamada Niebla Azul, creada con 3.000 euros de capital social e na que realizou xa unha ampliación doutros 190.000 euros. O obxecto social é a “adquisición, promoción, rehabilitación, compravenda ou arrendamento non financeiro de toda clase de inmobles”. Cárdenas é a parella do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Eva Cárdenas logrou acumular durante os seus anos como traballadora de Inditex un bo patrimonio inmobiliario. O seu domicilio de referencia atópase na exclusiva urbanización Icaria de Oleiros. A finais de ano, comprou unha preciosa casa de pedra na localidade pontevedresa de Moaña. Unha propiedade emblemática, situada literalmente sobre o mar, con xardín propio e zona para gardar un barco de recreo en tempada de inverno. Ao parecer, o presidente da Xunta sempre estivo interesado nesta casa de pedra, aínda que non puido facerse con ela ata agora. Feijóo xa é dono doutra leira na mesma zona con amplas vistas ao mar.