A parroquia larachesa de Caión prepárase para Os Milagres, Festa de Interese Turístico de Galicia

3 minutes read

Os Milagres de Caión contan cunha ampla e variada programación cultural e de ocio combinadas cos actos relixiosos que, como cada ano, se agarda sexan multitudinarios.

Para presentar oficialmente os carteis cos eventos recreativos e relixiosos, e tamén co propósito de coordinar o dispositivo de seguridade tanto na contorna do santuario como no centro da vila, todas as partes implicadas na organización do evento reuníronse no Centro Social de Caión. No encontro participaron o alcalde, José Manuel López Varela; os concelleiros Patricia Bello, Pablo Cambón e Alberto Blanco; o párroco de Caión, D. Andrés Trinquete; representantes da Comisión de Festas de Caión, encabezados pola súa presidenta, Nerea Blanco; así como membros da Garda Civil e da Policía Local.

O alcalde agradeceu á nova Comisión de Festas o seu esforzo e implicación para dar continuidade a unha celebración tan arraigada e seguir enchendo Caión de actividades especialmente durante o verán. José Manuel López Varela puxo en valor que se trata dunhas Festas de Interese Turístico de Galicia, cunha importante dimensión cultural, relixiosa e social, e salientou que para o Concello é un orgullo colaborar coa Comisión, coa parroquia e co resto de entidades implicadas.

Os integrantes da Comisión de Festas animan a veciñanza e a todas as persoas que habitualmente se achegan a Caión nestas datas a participar no programa e a desfrutar dunha celebración que, ano tras ano, reúne a numerosas familias e visitantes na vila.

Tamén o párroco destacou a importancia de manter o carácter propio dos Milagres, combinando a dimensión espiritual e relixiosa da celebración coa convivencia e o ambiente festivo que acompañan estes días, e animou a participar tanto nos actos litúrxicos como nas actividades programadas.

Os actos relixiosos, protagonistas dos Milagres de Caión

O programa relixioso comezará mañá sábado, día 5, ás 20:30 horas, coa primeira xornada da novena na igrexa parroquial de Caión, que continuará nos días seguintes.

O domingo 6, despois da misa das 12:00 h, terá lugar a tradicional procesión de subida ao santuario, un dos momentos máis significativos das celebracións.

O martes 8 de setembro, día propio da Romaría dos Milagres, celebrarase a festividade central. A misa solemne terá lugar ás 13:00 h.

Finalmente, o domingo 13, despois da misa das 12:00 h no santuario, celebrarase a tradicional procesión de baixada, seguida da misa das 13:30 horas na igrexa parroquial.

Un programa festivo para todos os públicos

A programación festiva inclúe propostas os días 8, 11, 12 e 13 de setembro, con sesións vermú, verbenas, música, actividades infantís e diferentes actuacións.

O Concello terá unha participación directa no programa financiando dous espectáculos. O martes 8 ás 19:00 h o protagonismo será para os monicreques con Os monifantes e o sábado 12, a actuación da Asociación Cultural Arume ás 19:30 h.

Tamén o venres será o Día do Neno, un dos principais atractivos das festas. Desde as 15:30 ata as 20:30 horas haberá tren turístico e xogos infantís.

O Concello convida á veciñanza da Laracha e ás persoas que se acheguen estes días a Caión a participar nas actividades e a desfrutar dunha das celebracións máis tradicionais e multitudinarias do municipio, contribuíndo entre todos a manter vivo o carácter singular das Festas dos Milagres.