- A reincorporación producirase de maneira gradual, de xeito que se manteñan as condicións de seguridade
A partir do luns, 18 de maio, restableceranse as actividades dos servizos municipais non esenciais afectados pola declaración do estado de emerxencia; e volverase ao horario ordinario de 8:00 h. a 15:00 h. previamente existente. Así o establece o Decreto emitido por Alcaldía de actuación para o persoal empregado público, con motivo da transición cara unha nova normalidade, na que se tivo especialmente en conta a importancia da conciliación familiar e laboral coa axeitada prestación de servizos.
A concelleira de Economía, Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local, Marta Abal, ditou a instrución sobre medidas e liñas de actuación para a reincorporación presencial do persoal municipal. Esta instrución ten por obxecto servir de marco xeral que garanta homoxeneidade nos distintos servizos públicos do Concello, á hora de establecer medidas de carácter preventivo, para evitar os riscos da COVID-19 no momento de reincorporación aos centros de traballo.
Segundo esa instrución, esta reincorporación producirase de maneira gradual, de xeito que se manteñan as condicións de seguridade. Tamén se terán en conta as necesidades do servizo, as distancias de seguridade e os aforos, a existencia dos colectivos clasificados en cada momento como grupos vulnerables e a conciliación familiar.